Fas traballos en galego? Concursa e gaña!

As persoas egresadas da universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos. Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías... A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír.

A USC, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, pretende contribuír a este obxectivo cos Premios á calidade lingüística, fomentando unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego.

Recortes e premios

Logo de oito edicións, os Premios remodélanse, por mor dos recortes económicos que afectan tamén, mais fondamente, á normalización lingüística en Galicia. Deste xeito, en troques de tres premios por centros e titulacións en cada modalidade, os IX Premios á calidade lingüística  outorgarán un único galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). A este respecto, seguirase a clasificación das titulacións por ramas de coñecemento que establece a propia USC.

Deste xeito, os traballos académicos optarán a un dos cinco premios de 150 euros e diploma segundo a clasificación da titulación. O mesmo ocorre cos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), aínda que neste caso os galardóns son de 300 euros, e igualmente coa terceira das modalidades, a dos traballos de fin de mestrado (TFM), que poden recibir ata 500 euros. En total, repartirase un monto de 4750 euros en premios.

Como presentarse

Porén, malia os recortes, a iniciativa esténdese por vez primeira a todos os centros e titulacións da USC. Daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios.

O mellor dos Premios á calidade lingüística é que non cómpre facer nada ad hoc, agás presentarse. Só facer o traballo que corresponda, en galego, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo na forma, no lugar e no prazo (maio, setembro e outubro, respectivamente) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.

No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para axudar a mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...
 

Venres, 29 de marzo de 2013