Seis meses de bUSCatermos: algúns números

O día 1 de outubro do ano pasado a USC abriu bUSCatermos á consulta libre. Desde aquela calquera persoa cunha conexión a Internet pode acceder a toda a información deste banco de termos, que ofrece máis de 155.000 rexistros e 450.000 denominacións en distintas linguas.

Seis meses parécenos un prazo razoable para facermos un primeiro balance sobre o seu grao de utilización, a súa repercusión e a súa rendibilidade como ferramenta. Velaí van algúns datos:

  • Neste período tivemos un total de 5.704 visitantes únicos, que realizaron un total de 13.803 sesións de consulta e accederon a 56.991 páxinas. Isto supón unha media de case tres visitas por visitante, e un pouco máis de catro páxinas vistas por visita.
     
  • Con todo, os datos medios non representan ben o uso efectivo de bUSCatermos durante este semestre. Os dous primeiros meses foron para moitas persoas un "período de probas" que produciu un alto número de accesos ocasionais (3.758 visitantes e 7.182 visitas que consultaron 26.398 páxinas); pero a partir de decembro xa se acadou a que parece ser a "velocidade de cruceiro" da ferramenta, cuantificable nuns 700 visitantes únicos ao mes, que fan arredor de 1700 visitas no transcurso das cales se procuran unhas 8.000 páxinas.
     
  • Como consecuencia do anterior, poderiamos dicir que bUSCatermos ten agora menos pero "mellores" usuarios, xa que:
    • retornan con máis frecuencia.
      Se nos primeiros meses a metade dos visitantes accedía unha vez e non volvía, no pasado mes de marzo esa porcentaxe baixou ao 25 %.
    • fan visitas máis longas.
      No mes de outubro, a duración media de cada visita era de 5 minutos e medio, tempo que foi aumentando progresivamente ata acadar en marzo os 9 minutos.
    • consultan máis páxinas en cada visita.
      O incremento do tempo dedicado a cada visita tradúcese nun maior número de páxinas vistas en cada unha, que ascende desde as 3,57 páxinas/visita de outubro ata as 4,70 de marzo.

Ao noso ver, estas cifras amosan a utilidade de ofrecer ferramentas que lles permitan ás persoas usuarias interactuar directamente cos recursos lingüísticos existentes, eliminando intermediacións innecesarias (atención telefónica ou por correo electrónico), que deben activarse só nos casos que, pola súa dificultade ou por non estar aínda incluídos no corpus de consulta, os usuarios non poidan resolver autonomamente. Sería impensable, por exemplo, que desde o SNL puidésemos atender persoalmente nin tan sequera unha pequena porcentaxe das procuras realizadas en bUSCatermos neste período.

Evidentemente, o traballo que falta por facer é inmenso, tanto para incorporar máis materiais á base de datos e depurar os xa incorporados, como para difundir a existencia da ferramenta entre os seus potenciais usuarios. A comparación con produtos que teñen obxectivos semellantes, como o que mantén Termcat para o catalán (3.200.000 páxinas vistas en 2011) dános unha idea do grao de uso que poden chegar a acadar. Pero as diferenzas entre catalán e galego no tamaño das comunidades lingüísticas, na presenza en contextos técnicos e especializados... e nos recursos investidos nas respectivas ferramentas, permítennos valorar na súa xusta medida os datos que vos acabamos de presentar.
 

XUSTO A. RODRIGUEZ RIO

Venres, 29 de marzo de 2013