75-23

No que se refire ao uso dos idiomas na docencia da USC neste curso 2012-2013, sen dúbida o dato máis salientable é que o castelán é a lingua en que se imparten o 73,74% das horas de clase. O galego vehicula o 23,34% e o inglés o 1,72%. Francés, portugués, italiano, alemán repártense o restante 1,2% das horas docentes.

Os usos lingüísticos docentes son, logo, extraordinariamente resistentes ao cambio, e nin o galego, lingua propia da USC, nin outros idiomas con maior prestixio e proxección, como o inglés, beneficiado por un discurso case unánime sobre a súa utilidade e necesidade no ámbito universitario, se ven amparados na práctica docente.

Tales datos despréndense da información sobre as planificacións docentes consignada polos departamentos en XesCampus, a aplicación de xestión académica da USC, e refírense a un total de 530.625,61 horas de clase, correspondentes a toda a docencia  impartida na USC (mestrados, graos e titulacións de 1º e 2º ciclos) no actual curso 2012-2013.

O segundo dato relevante é que a distribución dos idiomas non é homoxénea. Sacado o caso dos idiomas estranxeiros, que se utilizan nas titulacións propias de linguas e en materias soltas, normalmente de linguas de especialidade, a primeira liña de ruptura da uniformidade constitúena a tipoloxía de titulacións.

titulacions



Os idiomas nos mestrados

Os mestrados ou master son as titulacións en que -en conxunto- máis se utiliza o galego, con algo máis dun 30%; en castelán impártese o 66,61% e en inglés o 1,68%.

Sen dúbida, un elemento que contribúe ao favorable dato para a nosa lingua é o peso que nas 96.958,76 horas de mestrados representan as 56.152,63 horas do Mestrado oficial en Formación do Profesorado, unha titulación cuxo uso do galego é do 54,17% na titulación luguesa e do 57,09% na compostelá. Mais, de excluírmos este mestrado de profesorado, o galego segue campando polo 30,21% das horas dos máster, o que probablemente ten moito que ver con que a maioría destas titulacións corresponden ás áreas socio-xurídicas e humanidades, tradicionalmente máis ligadas ao uso do galego.

Cómpre advertir que, nalgúns casos, nos datos fornecidos cóntase as horas imputadas aos traballos de fin de máster e a dirección das prácticas cando en realidade non hai aulas de ningún tipo, senón dirección por parte do profesor do traballo do alumno/a.

En dez mestrados dos 80 que se están a impartir, no primeiro ou no segundo ano de docencia-, non se utiliza o galego para nada. En 27 máis do 25% e en 16, máis do 50%. O mestrado máis galeguizado é o Máster en Historia Contemporánea, co 87,50 das súas aulas impartidas en galego.

A priori son os mestrados as titulacións que teoricamente mellor se adaptan á introdución de linguas estranxeiras, especialmente os de perfil investigador. Porén, só tres máster que non estean dalgún xeito relacionados coas linguas e cun perfil non investigador -Dirección de Empresas, Enxeñaría Ambiental e Servizos Culturais- son os que contan con materias impartidas en inglés.

Menor aínda é o número de mestrados en que se usan outros idiomas, sempre ligados dalgún xeito á filoloxía e ao ensino de linguas. O máster máis plurilingüe é o de Estudos Medievais Europeos que se imparte en seis idiomas.

Os idiomas nos graos

No seu cuarto curso de implantación, os 48 graos existentes son xa as titulacións de referencia ao debullarmos os usos lingüísticos docentes na USC, coas súas 295.848 horas de docencia.

Sete puntos se separan os datos referidos ao uso do castelán e o galego nos graos. O primeiro sobe ata o 72,89% e o segundo baixa ata o 23,70%.

É nos graos onde o inglés alcanza o seu maior índice de uso (2,03%), así como os restantes idiomas estranxeiros (un 0,30% o portugués e un 1,05% o resto: francés, alemán, italiano, catalán).

De novo as diversas titulacións de grao amosan variacións importantes nos usos lingüísticos. O primeiro dato salientable é que só unha, o Grao en Lingua e Literatura Inglesa, ignora oficialmente o uso do galego. Porén, entre as que menos utiliza o noso idioma sitúanse pesos pesados como Farmacia, Medicina, Enfermaría ou Odontoloxía, perpetuando a distancia entre as ciencias da saúde e o galego.

Pola contra, once titulacións imparten máis da metade da súa docencia en galego. Trátase de graos de Humanidades e Ciencias Xurídico-Sociais, e, tras Filoloxía Galega, sobrancea o caso de Educación Social, co 78,24% das súas aulas galeguizadas.

As linguas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As 48 diplomaturas e licenciaturas que aínda presentan docencia xa son moito menos representativas dos usos lingüísticos. En primeiro lugar, porque delas derivan só 137.818 horas de clases, e en segundo lugar, porque se trata dos últimos cursos destas titulacións, onde tradicionalmente se acubillan as optativas.

Con todo, titulacións tan importantes polo número de alumnos/as e de horas como Dereito, Medicina, Odontoloxía, Veterinaria, Enfermaría ou as enxeñarías impartidas pola Escola Politécnica,  seguen impartindo toda a docencia correspondente aos cursos 4º, 5º e 6º (no caso de Medicina).

E a estas titulacións ás que corresponden os peores datos para a diversidade lingüística: en castelán impártese o 84,47% das horas docentes, en galego o 14,37%, en inglés o 0,40%, en portugués o 0,27% e noutros idiomas, o 0,98%.

As tendencias son similares ás dos graos correspondentes, sen que se perciban distancias espectaculares entre os usos lingüísticos das licenciaturas e dos graos que as substitúen. De novo son licenciaturas de ciencias da saúde e ciencias experimentais as menos proclives ao uso do galego (Odontoloxía, Medicina, Bioloxía, Farmacia, Química) e as das áreas de Humanidades e Ciencias Sociais as máis favorables.

Venres, 01 de marzo de 2013