Linguas, departamentos e categorías

O uso das linguas na docencia depende, en primeiro lugar, da súa competencia lingüística, mais sobre todo, da decisión e da vontade dos profesores/as e tamén da súa predisposición ao cambio. Dous factores se relacionan directamente con este feito: as redes que se establecen nos departamentos e a idade, que á súa vez ten moito que ver coas categorías de PDI, pois o profesorado tende a ocupar as categorías máis estables (funcionarios) ao tempo que, cos anos, desenvolve a súa carreira docente e investigadora.

Neste curso 2012-2013 son 7 os que departamentos sobrancean por non impartiren nin unha soa hora docente en lingua galega. Agás o caso explicable de Filoloxía Española, o resto son departamentos de Ciencias da Saúde (Obstetricia, Ciencias Morfolóxicas, Cirurxía) e de Ciencias (Fisioloxía Vexetal, Zooloxía, Física da Materia Condensada).

De novo, entre os 13 departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego o perfil predominante é o de Humanidades e Ciencias Sociais, agás Ciencias Clínicas Veterinarias. Deixando aparte o dato referido a un departamento externo, lidera o ensino na nosa lingua Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, co 100%.

Linguas e categorías


O profesorado titular, a categoría maioritaria de PDI na USC, imparte en galego o 28,25% das súas horas docentes, con lixeira vantaxe entre os titulares de escola universitaria (32% fronte ao 24%). Os catedráticos e catedráticas universitarios rebaixan esa media ata o 15,07%, e os de escola universitaria volven subila ata o 71,88%.

O profesorado contratado e axudante utiliza o galego no 42,33% das aulas que imparte, e os interinos/as fano no 51,5%.

Entre o profesorado asociado, o uso do galego diverxe dende case o 22% do asociado típico ao 7,89% no caso do profesorado asociado de Ciencias da Saúde.

O persoal investigador, procedente de diversos programas (Marie Curie, Isidro Parga Pondal, Juan de la Cierva, Ramón y Cajal, Ángeles Alvariño), que tamén pode impartir un pequeno número de horas docentes, faino en galego en proporcións moi variables, que van dende o 0% ata o 100%. A súa media sería de pouco máis do 26%.

E finalmente, entre o persoal en formación, fundamental para o futuro da Universidade e do galego na docencia, vai dende o 20% ao 89%, cunha media do 45,48%.
 

Mércores, 27 de febreiro de 2013