Un tradutor galego-español-inglés para a USC

Baseado en Opentrad, unha plataforma de servizos de tradución en código aberto que utiliza como base o motor de tradución automática Apertium, o novo tradutor en liña galego-español-inglés foi personalizado para a Universidade de Santiago de forma que sexa capaz de traducir de modo correcto terminoloxía específica deste ámbito, como poden ser os nomes de servizos e unidades, centros, facultades ou departamentos universitarios.
 
O tradutor –que, como todos, precisa que o texto final sexa revisado- ofrece outros pares de linguas, galego-inglés, inglés-galego, español-inglés, inglés-español, e algunhas outras que se encontran en distintos niveis de desenvolvemento.

Entre as súas funcionalidades permite traducir fragmentos de texto de xeito instantáneo; documentos en formatos txt, html, doc, odt, ods, odp, docx e xlsx; presentacións (Powerpoint 2007 e seguintes versións) mantendo os formatos orixinais; e páxinas web coa simple introdución do URL correspondente. Ademais, dende a mesma páxina pódense descargar plug-ins para os navegadores Firefox e Chrome e para o procesador de textos MS-Word, de modo que se poida axilizar o proceso de tradución.

A ferramenta, logo, contribúe ao proceso de normalización lingüística da institución universitaria, ao mesmo tempo que facilita a comunicación plurilingüe, xa que facilita que todo tipo de documentos elaborados durante a actividade ordinaria na USC na nosa lingua por parte da comunidade universitaria se poidan verter a posteriores versións noutros idiomas de traballo moi doadamente.

Para acceder ao tradutor cómpre identificarse como membro da comunidade universitaria. Dende a Universidade de Santiago de Compostela accédese a través do portal de tradución  conectado á RedIris.
 
Esta nova ferramenta foi adquirida polas universidades galegas a través do Consorcio para o Desenvolvemento de Sistemas para a Xestión Universitaria (CIXUG) e adaptada á USC coa colaboración do seu Servizo de Normalización Lingüística e da Área TIC.

Luns, 25 de febreiro de 2013