LibreOffice 4.0, Windows 8 e Twitter galeguízanse

A Document Foundation anunciou o pasado 7 de febreiro a publicación da última versión de LibreOffice 4.0, unha suite ofimática libre, que presenta unha base de código máis limpa e lixeira, un conxunto de funcionalidades melloradas, mellor interoperabilidade e un ecosistema máis diverso e inclusivo. E sobre todo unha interface de usuario moito máis amigable.  Porén, o aspecto máis salientable para nós é que o galego é unha das linguas en que se lanzou asemade esta nova versión 4.0, que xa está dispoñible para a descarga no noso idioma, grazas de novo ao traballo voluntario da comunidade galega.

Con todo, o equipo galego recomenda a nova versión só se para usuarios avanzados. Para usuarios medios recoméndase actualmente a versión 3.6.5, dispoñible na sección de outras descargas da páxina de LibreOffice en galego.

Por outra banda, en novembro pasado Microsoft presentou o seu novo sistema operativo, Windows 8, e por vez primeira pódese utilizar en galego dende o seu lanzamento, pois habitualmente o paquete de idioma do galego chegaba cun ano de atraso. Coma nos anteriores ocasións a versión galega é obra da área de localización da empresa Imaxín.

Coa nova versión podemos consultar o estado do tempo, ler o correo electrónico, facer anotacións no calendario, comprobar as notificacións de Twitter e mesmo acceder á tenda de aplicacións  sempre en galego. Pola contra, esta boa actitude lingüística de Microsoft contrasta co feito de que o Office 2013 (aínda en probas) non inclúe o galego aínda que si conta con corrector ortográfico, e Windows Phone 8 deixa ata agora o éuscaro e ao galego ás portas. 

Hai dous anos unha das máis utilizadas redes sociais, Twitter, comezou a permitir que houbese versións en máis idioma que o inglés. Tras conseguiren o permiso, debían ser os propios usuarios da plataforma os encargados de realizar a tradución á lingua que quixeran. Daquela, un grupo de internautas puxeron en marcha a iniciativa Twitter en Galego, co obxectivo de activar a comunidade twitteira galega para reclamar a posibilidade de tradución ao galego. Para iso, conseguiuse que #twitterengalego fora trending topic a nivel estatal, creando sensación de comunidade e aclarando que existían un grupo de persoas disposto a traballar na tradución voluntariamente.

En setembro pasado Twirtter autorizou o proceso de tradución ao galego, e o pasado mércores 20 de febreiro anunciouse que estaba xa lista. Para mudar a lingua abonda con entrar en settings e despois en account e cambiar en language para o galego. Hai que ter en conta que a versión en galego aínda está en beta. Polo tanto, pode haber erros e os termos poden ser aínda postos en discusión a través do Centro de Tradución. Xa podemos chiar e rechiar ben para conseguir que unha tendencia triúnfe!

Luns, 25 de febreiro de 2013