En galego tamén se segue facendo ciencia

En 2010 as tres universidades galegas lanzaron unha campaña audiovisual en liña, «En galego tamén se fai ciencia», para axudar a reflexionarmos contra un prexuízo moi estendido aínda na sociedade galega: o de que un idioma, o noso, non serve para a actividade científica. Precisamente decidiuse esta acción cando acababa de aprobarse un decreto que arreda o uso do galego do ensino da ciencia e a tecnoloxía nos niveis non universitarios, o que podería contribuír a afortalar ese vello prexuízo lingüístico. En novembro de 2012, as tres universidades galegas lanzan a segunda parte de En galego tamén se fai ciencia.

Se esa primeira campaña foi protagonizada por investigadores e investigadoras de alto nivel das tres universidades, desta volta participan persoal dos laboratorios (Belén Caride, Xosé Luciano Otero) e de disciplinas auxiliares como a tradución e a interpretación especializada (Patricia Buján, Michel Skinner) e mais a divulgación científica (Casto Rivadulla, Manuel Vicente), alumnado que está rematando a carreira e que axiña pasarán a ser parte activa do mundo da ciencia e a tecnoloxía (Mateo Pérez); e persoas universitarias de orixe foránea (Marilar Aleixandre, de Madrid; Cathryn Teasley, de Estados Unidos; Klara Kladecová, da República Checa). Todas elas opinan que é natural e correcto que a ciencia se faga e se divulgue no idioma do noso país.

A segunda parte da campaña mantén o formato e o soporte, unha serie de vídeos vía web que recolle o testemuño de profesionais de distintos ámbitos que empregan o galego no seu día a día, tanto nun mixto como individualmente. Trátase dun formato que permite aproveitar ao máximo e, practicamente, sen custos o persoal e os equipos dos servizos universitarios.

O reitor vigués, Salustiano Mato, agradeceu a colaboración voluntaria das persoas entrevistadas, subliñou a necesidade de «seguir desafiando os prexuízos que queren danar a nosa lingua, a lingua que recollen os estatutos das tres universidades como propia das institucións, propia do país no que están inseridas e para o que traballan», e aproveitou o acto para facer unha chamada a recuperar o consenso lingüístico.



 

Martes, 15 de xaneiro de 2013