Neste trimestre aprendemos...

Témoslle lei: Dereitos lingüísticos en Galicia

En setembro comezou o ciclo de conferencias Témoslle lei: Dereitos lingüísticos en Galicia, organizado pola CNL de Dereito, baixo a dirección da profesora Alba Nogueira. As 50 prazas iniciais quedaron curtas para acoller todas as solicitudes para participar nas cinco conferencias que impartían recoñecidos expertos do ámbito xurídico. A propia directora do ciclo introduciu o tema Os dereitos lingüísticos da cidadanía, dende o punto de vista do marco constitucional, e nas conferencias posteriores, de outubro e novembro, tratouse de xeito sectorial: na administración pública (Xesús Costas Abreu, do Concello de Vigo), na Administración de Xustiza (Luis Villares Naveira, maxistrado), no sistema educativo (Eva Pons Parera, da Universidade de Barcelona) e nas actividades privadas e no sector socioeconómico (Íñigo Urrutia Libarona, da Universidade do País Vasco).

O ciclo foi moi ben valorado polas persoas asistentes, que puntuaron a súa satisfacción global nun 3.8 sobre 4.

A lingua galega e o plurilingüismo

Os días 19 e 20 de outubro desenvolvéronse na Facultade de Ciencias da Educación, organizadas pola súa CNL, as IV Xornadas Educación e linguas en Galicia, co obxectivo principal de analizar a implantación do decreto de plurilingüismo nos centros de ensino non universitarios.

O programa das xornadas encetouse cunha conferencia sobre O plurilingüismo e o Decreto do plurilingüismo da profesora da Universidade da Coruña e presidenta de Nova Escola Galega) Mariló Candedo Gunturiz, para logo abordar en dúas táboas redondas a aplicación do Decreto 79/2010 en todo tipo de centros (plurilingües/non plurilingües, públicos/concertados, de infantil, primaria e secundaria) e dende as perspectivas de todos os axentes: dirección, profesorado, nais e pais e mesmo alumnado. Todos eles, partidarios de aprenderen linguas e do plurilingüismo, sementaron dúbidas serias sobre o Decreto e a súa aplicación no referido á adquisición de competencias lingüísticas -incluídas as actitudinais- en relación non só ao galego senón tamén aos idiomas estranxeiros, mais tamén na adquisición de competencias nas materias que obrigadamente se teñen que impartir en inglés. E a experiencia en infantil é desoladora, tanto para o profesorado (“O alumnado que estivo na liña de galego usaba espontaneamente co profesorado o galego; desde o Decreto do plurilingüismo ningún neno fala espontaneamente en galego co profesorado, nin sequera os poucos que falan galego na casa”) como para nais e pais (“A miña filla, o curso pasado (4 anos), fixo en todo o ano tres actividades relacionadas co galego. Todo o demais fíxose única e exclusivamente en castelán ou inglés.”), e por veces mesmo se volve perigosa, como cando unha nai se laia de que o seu fillo, do primeiro ciclo de primaria, non entende absolutamente nada de Coñecemento do Medio porque se imparte unicamente en inglés.

O sábado, tras a conferencia do profesor de Ciencias da Educación e director de Atrium Linguorum, José Manuel Vez, Plurilingüismo, quo vadis?, a prol dun plurilingüismo inclusivo baseado no Tratamento Integrado de Linguas, as persoas asistentes participaron nos grupos de traballo a partir dos cales se elaboraron as conclusións das Xornadas.

Os asistentes valoraron a súa satisfacción global coas Xornadas cun 3,5 sobre 4.

Proxéctate en galego

Os días 26-27-28 de outubro de 2012 tiveron lugar na Casa do Saber do Campus de Lugo as Xornadas Proxéctate en galego, co obxectivo de demostrar que o galego non é ningunha barreira no mundo académico ou profesional, senón que, pola contra, é unha oportunidade para o emprendemento, para a ciencia, para comunicármonos.

Durante dous días sucedéronse as conferencias e as táboas redondas onde profesionais relacionados coas áreas de coñecemento dominantes en Lugo ofreceron ao público a súa experiencia de traballaren con normalidade e éxito no noso idioma. As xornadas remataron cunha excursión ata a Ribeira Sacra, para coñecer in situ os socalcos dende diversos puntos de vista así como as experiencias agrícolas da zona.

Nas Xornadas, ademais, aproveitouse para facer un adianto da presentación de Proxéctate en galego, un espazo web creado polas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, EPS, Formación do Profesorado, Humanidades e Veterinaria) co mesmo obxectivo das xornadas: fomentar o uso do galego na etapa de formación universitaria e na profesional, fornecendo recursos (dicionarios, tradutores, buscadores, software...) e exemplos, como  iniciativas para a potenciación do galego en calquera ámbito, desde o escolar ao cultural, experiencias exitosas na USC ou vídeos coas experiencias de referentes, profesionais senlleiros a prol do galego. 

Xoves, 20 de decembro de 2012