Todos os premios

Premios á calidade e á excelencia lingüística

Dezaseis centros organizaban no curso 2011-2012 este certame, que premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao ou proxectos de fin de carreira, escritos en galego, aos que se lles recoñeza calidade na súa avaliación. As comisións de normalización lingüística destes centros pretenden con eles fomentar a cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego, concretamente, que o alumnado desenvolva unha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dos traballos dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.

Os xurados de cada centro outorgaron dous premios de 100 e 150 euros no caso dos traballos académicos e un premio de 300 no dos TFG e PFC. Pódese consultar todas as actas na páxina web das actividades das CNL.

Todos os traballos premiados en cada categoría aínda pasaron a unha segunda rolda, a dos premios á excelencia. O traballo académico Cuantificación de células mieloides supresoras (MDSC) e linfocitos T reguladores (Treg) en sangue periférico de pacientes VIH+, de Pablo Ventoso Osorio, da Facultade de Bioloxía, e mais ao traballo de fin de grao Os efectos das privatizacións, de Inés Freire Lista, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, resultaron gañadores dos 150 e 300 euros con que están dotados os premios á excelencia.

O concurso estaba financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Somos a curta!

O concurso de curtas de comedia en galego que organiza a CNL da Facultade de Ciencias da Información, Somos a curta! demostrou que o certame chega con boa saúde á segunda edición. Foron dezaseis os títulos admitidos a concurso, dos cales o xurado preseleccionou cinco finalistas: Chapeau!, Enfoques, Familia, Por couso e 100 euros.

A gala en que se deron a coñecer os vídeos finalistas, presentada e dinamizada por Carlos Blanco, tivo lugar no Salón de Actos da Facultade, o día 28 de novembro, con grande éxito de público. Para o xurado, Familia resultou ser o título gañador do primeiro premio do certame e Por Couso, do segundo. O Premio do Público, elixido por votación dixital simultánea na propia gala, foi para Chapeau! Xa que logo, Gael Carballo Seara e mais Noel Pérez Fungueiriño,  estudantes de Comunicación Audiovisual, víronse premiados con 600 e 400 euros, respectivamente, e diploma, mentres que David Fontán Bestilleiro e Antía Ameixeiras Cundíns foron agasallados co diploma honorífico.

Somos a curta! É unha actividade da CNL da Facultade de Ciencias da Información, proposta pola Liga Estudantil Galega cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos, e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua no ámbito universitario.

Tes cinco minutos, grávao e cóntanolo!

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Económicas e Empresariais convocou o concurso de vídeos Tes cinco minutos, grávao e cóntanolo", para premiar os mellores vídeos sobre economía en galego presentada por calquera membro da comunidade universitaria da USC, quer nun nivel formal quer informal e da maneira que prefira a/s persoa/s autora/s do vídeo (animación, discurso, entrevistas, plastilina, teatralización, cancións, imaxes comentadas, etc.). O obxectivo do certame é promover o uso do galego en discursos divulgativos de temática económicoempresarial, valéndose de ferramentas audiovisuais.

A esta primeira edición do concurso presentáronse seis propostas, que se puideron visualizar o día 29 de novembro nun acto público no centro, presentado e dinamizado por Isabel Risco, protagonista tamén do vídeo promocional, A prima de Risco. O xurado decidiu premiar os vídeos de Daniel Álvarez Fonteros, A man invisible do Estado, con 400 euros e diploma acreditativo, e de Xosé Antón Romero Banzas, Rescate, con 200 euros e diploma. Ademais, o público ditaminou que o premio do público, dotado con 150 euros e diploma, fose tamén para A man invisible do Estado.

IX Premios Luísa Villalta

O pasado 21 de novembro reuniuse o xurado encargado de outorgar os IX Premios Luísa Villalta, que convocan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Nesta novena edición Rocío Toxo Asorei, con O galego, un mundo por descubrir, foi merecente do premio a iniciativas normalizadoras na súa modalidade de campaña de normalización, dotado con 2000 euros, mentres que o premio na modalidade de idea para a promoción do galego recaeu en Nuria Freire González, cunha proposta titulada A túa lingua é, que se ve así recompensada con 1000 euros.

Os premios Luísa Villalta convócanse co obxectivo de promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua  e de desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística.

 

Xoves, 20 de decembro de 2012