Chámalle xe

A Facultade de Matemáticas, a través da Comisión de Normalización Lingüística, decidiu encetar unha serie de actividades encamiñadas a fomentar a reflexión sobre a situación da lingua e o seu uso. Organizaron un Obradoiro de elaboración de unidades didácticas, para que o PDI e o alumnado do centro poidan contar con material didáctico propio e en galego, e do cal resultaron 17 unidades didácticas, así como un Obradoiro de presentacións dixitais, e ademais puxeron en marcha unha lista de discusión terminolóxica propia sobre léxico matemático en galego.

Ademais, a CNL convidou a toda a Facultade á posta en escena da obra Pelos na lingua (premios María Casares e Max ao mellor texto teatral en galego), de Talía Teatro, coa que os asistentes, ademais de divertírense, puideron facer unha reflexión de fondo sobre os prexuízos lingüísticos e as situacións absurdas que ás veces acompañan o uso das linguas.

Chámalle xe constituíu o lema dunha pequena campaña, Chámalle xe, dirixida ao estudantado, que axuntou a difusión dun calendario para este curso, a xornada en que os novos investigadores explicaron en que consisten os proxectos en que traballan, e a convocatoria da segunda edición de Explícoche Matemáticas 2.0, o concurso para promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático. Na anterior edición foi Juan José Conde Veiga quen se fixo co iPad que lle correspondía como gañador co título Factorización en números primos.
 

Xoves, 20 de decembro de 2012