Acceso libre ao bUSCatermos da USC

bUSCatermos é unha base de datos terminolóxica na que comezamos a traballar no ano 2001 e que leva operativa dende o ano 2005, operativa pero restrinxida ao dominio <.usc>, é dicir, que só podía ser consultada dende os ordenadores conectados á rede da Universidade de Santiago de Compostela.

Hai xa bastantes anos no Servizo de Normalización Lingüística da USC decatámonos de que podía ser unha ferramenta excepcional para moitos usuarios de fóra da Universidade, pero por desgraza a aplicación informática que a soportaba non era o suficientemente potente para permitir consultas simultáneas nin gran cantidade de visitas.

Pénsese que bUSCatermos é enorme: inclúe unhas 180.000 denominacións galegas. O dicionario da Real Academia Galega contén algo máis de 50.000 entradas, o da Real Academia Española unhas 88.000, e un dos maiores dicionarios de galego, o Gran Dicionario Xerais da Lingua, non chega ás 100.000.

E esas 180.000 denominacións son só unha parte, xa que recolle arredor doutras 100.000 en castelán, e tamén equivalentes (aínda que non en todos os casos) noutros idiomas, portugués e inglés, sobre todo, e en menor medida en francés, catalán, alemán e italiano. Con todo isto bUSCatermos suma case medio millón de termos.

Como se conseguiu iso? bUSCatermos provén da compilación de todo o material terminolóxico producido polo Servizo de Normalización Lingüística ao longo dos seus case trinta anos de existencia, un labor que sería impensable sen a constancia e o bo facer da Área de Terminoloxía do SNL. Pero iso supón escasamente a metade do total. A outra metade hai que agradecerlla a moitas persoas e institucións que nos cederon de forma gratuíta e xenerosa os seus traballos terminográficos para incorporalos a esta base de datos. Unha grande operación de transferencia de coñecemento á sociedade, xa que logo.

O Servizo de Normalización Lingüística comprométese ademais, na medida das nosas modestas posibilidades, a seguir alimentando, actualizando e reelaborando bUSCatermos para que siga sendo un recurso vivo e dinámico.

A posibilidade de consultar o bUSCatermos dende calquera computadora do mundo conectada a Internet tamén se debe á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que coa súa achega económica fixo posible que a Área das TIC da USC liderara o deseño e implementación dunha nova aplicación que permite que agora bUSCatermos sexa accesible a todo o mundo.

bUSCatermos, busca doada


O equipo de localización para o galego de Firefox desenvolveu un complemento que permite integrar o bUSCatermos na caixa de buscas deste navegador, sen ter que ir á páxina principal da ferramenta terminolóxica. Lembremos que existen complementos similares para o dicionario da Real Academia Galega, para o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGA) e para a versión en galego da Wikipedia, a Galipedia.





 

Mércores, 31 de outubro de 2012