Usa a cámara e participa cos teus vídeos!

Tes 5 minutos... grávao e cóntanolo! (en Económicas)

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organiza estoutro concurso, Tes 5 minutos... grávao e cóntanolo!, en que os participantes deben presentar un vídeo de 5 minutos como máximo, sobre un tema de temática económico-empresarial en galego, que pode abranguer dende un enfoque serio ata o que produza as máis sonoras gargalladas, pois os obxectivos do concurso son promover o uso do galego en discursos divulgativos de temática económico-empresarial, valéndose de ferramentas audiovisuais, e promover a creatividade da comunidade universitaria. Precisamente para animar a estudantes, docentes e persoal de administración e servizos, a CNL elaborou este divertido vídeo sobre a Prima de Risco.

Os vídeos, que se poden presentar ata o 23 de novembro, poden responder a todo tipo de preguntas (que receitas contra a crise propós? quen vén sendo a prima de Risco? ten aínda máis parentes?) e o seu contido pode expresarse con animación, discurso, entrevistas, plastilina, teatralización, cancións, imaxes comentadas, etc.

Hai dous premios outorgados por un xurado, de 400 e 150 euros, e un premio do público, de 150 euros, que se decidirá por votación durante o acto de exhibición dos vídeos presentados o xoves 29 de novembro.
 

Somos a curta!

Pola súa banda, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convoca a segunda edición do certame "Somos a curta!", dirixido a premiar as mellores pezas audiovisuais curtas de comedia en galego presentada por calquera alumno ou grupo de alumnos das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia.

O prazo para presentar as propostas remata o día 7 de novembro de 2012. As pezas presentadas ao concurso exhibiranse ao público nunha gala, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación en novembro de 2012. Un xurado decidirá os premios do certame, de 600 e 400 euros e diploma honorífico. Tamén haberá un premio do público, que se outorgará por votación na propia gala. Na anterior edición resultou gañadora a curta Longa noite de verga, que se pode visualizar, xunto coas outras propostas presentadas, a través do perfil de Facebook da CNL de Ciencias da Comunicación.

Os obxectivos con que convoca este premio son:

  • Promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego.
  • Premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos.
  • Gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

Trátase dunha proposta para a CNL da Liga Estudantil Galega da Facultade de Ciencias da Comunicación, e conta co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística.
 

Mércores, 31 de outubro de 2012