Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación

Redactar con corrección e sen faltas, estruturar ben os contidos, citar con coherencia, elaborar bibliografías, automatizar índices, empregar os correctores, inserir táboas ou imaxes, etc., son destrezas comunicativas que se dan maioritariamente por sabidas nas aulas. Porén, tanto docentes como estudantes son conscientes das eivas neste terreo entre o alumnado, particularmente co maior número de traballos académicos que se realizan nos graos.

Os «Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación», que poñen en relación elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos veñen cubrir unha importante lagoa, pois precisamente céntranse en asegurar a mellora da calidade formal dos traballos dos estudantes en todas estas cuestións.

Desenvolverase un total de cinco cursos na Facultade de ADE (Lugo) de 19 a 21 horas, e mais en Dereito (de 9 a 11 h), Filosofía (de 12 a 14 h) e de Matemáticas (19-21 h), entre o 5 e o 15 de novembro, mais tres sesións máis, para avaliar os traballos realizados, os días 17, 18 e 19 de decembro. En total, 30 horas de curso que dan dereito a un crédito de libre configuración para todas as titulacións.

O curso comprende oito sesións presenciais, con uso dun equipo informático con conexión a Internet por persoa, e 8 horas de traballo individual, que consistirán na elaboración dun pequeno traballo (mesmo un en desenvolvemento polo estudante no marco dalgunha das súas materias), en que se poñerán en práctica as cuestións tratadas. O curso remata con tres sesións presenciais de avaliación conxunta dos traballos.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 31 de outubro a través do web do SNL. O custo dos cursos é de 30 €. Esta cantidade será reembolsada se o estudante realiza en lingua galega a súa tese, memoria de licenciatura, TIT ou proxecto de fin de carreira e formaliza a solicitude de devolución.

 

Mércores, 31 de outubro de 2012