O éuscaro e o valenciano, subindo nas súas universidades

Obxectivo superado na UPV/EHU

No curso 2011-12 a UPV/EHU ofertou a posibilidade de realizar os seus estudos integramente en éuscaro ao 87,92% do alumnado de primeiro curso. É dicir, case o 88% do alumnado de novo ingreso puideron escoller graos do modelo C (todo o grao en éuscaro), D+ (oferta en éuscaro similar á de castelán) ou D+ (oferta docente en éuscaro maior que en castelán). Se a estes se lles engaden os graos de modelo B (todas as materias obrigatorias en éuscaro), o 96,51% dos estudantes matriculados na UPV/EHU tivo a posibilidade de estudar en éuscaro.

Esta é unha das conclusións da avaliación do seguimento do Plan Director do Éuscaro (2007/08-2011/12), aprobado en xuño de 2007 polo Consello de Goberno da UPV/EHU. Os principais obxectivos eran asegurar a igualdade de oportunidades para todos os colectivos universitarios; fortalecer e consolidar a comunidade universitaria vasco-falante e ser unha entidade pioneira no proceso de desenvolvemento e normalización do éuscaro.

O progreso do éuscaro na universidade é evidente. O obxectivo era ofertar en éuscaro os títulos de grao, a condición de que a demanda fose suficiente. No curso 2011-12 o 78% dos créditos das materias obrigatorias ofertáronse en éuscaro e no curso 2011-12 o 46,7% do alumnado matriculouse en éuscaro no primeiro curso, catro puntos máis que o ano anterior.

Nos modelos que estableceu o Plan Director para os graos (os ditos D+, D, C, B e A, sendo neste último modelo os dous primeiros cursos en éuscaro), dos 85 graos que ofrece a UPV/EHU, 12 son do modelo B e só 10 do A, polo que o 82% dos graos cumpriron o obxectivo completamente.

Tamén se detectaron puntos débiles, sobre todo nos grupos cun número pequeno de alumnos -en xeral, menos de 15-, e en certas titulacións, como Medicina e Odontoloxía. Outro punto débil detectouse nos estudos posgraos, pois non se conseguiu garantir unha presenza satisfactoria do éuscaro. Vista a situación, no Plan Universitario 2011-14 acordado co Goberno Vasco, definiuse o número de créditos que se debería ofertar en éuscaro nos másters, e en 2011 superouse facilmente o obxectivo (512 créditos), pois se ofertaron 546,13.

No apartado persoal docente e investigador tamén se constatou unha tendencia á alza, máis se se ten en conta que en 1989 só o 13% do profesorado da UPV/EHU era bilingüe. O Plan Director fixouse como obxectivo elevar a porcentaxe do profesorado bilingüe ao 43%, e en 2011-12 xa se alcanzou o 45,10%. A porcentaxe de doutores entre este colectivo creceu até o 61,49%, e o obxectivo marcado polo Plan Universitario 2011-14 (61%) tamén se superou.

De feito, no apartado de investigación e divulgación, un dos obxectivos era aumentar o número de teses lidas en éuscaro. Esa cifra creceu considerablemente: en 2007 léronse 19 e en 2010, 29, aínda que é verdade que se se toma en conta o total de tese, a porcentaxe é aínda pequeno (8,84%). O Plan Universitario 2011-14 estableceu como indicador o número de bolsas outorgadas para realizar a tese en éuscaro e en 2011 superouse o obxectivo: debíase conceder 24 e déronse 25.

Por outra banda, segundo o Plan Director, para 2011 o 52% dos postos de traballo do Persoal de Administración e Servizos debería ter asignada unha data de preceptividade para o seu perfil lingüístico, e o obxectivo cumpriuse. Ademais, o 58% dos traballadores acreditou xa o perfil que se lles asignou.

Finalmente, a Universidade do País Vasco avanzou na dispoñibilidade de material en éuscaro, principalmente nas traducións de libros de texto, pois se duplicou o previsto para este quinquenio.

Novos obxectivos normalizadores na Universidade de Valencia

O Consello de Goberno da Universidade de Valencia aprobou o seu Plan de Incremento da Docencia en Valenciano, co que se fixan as porcentaxes mínimas de docencia en valenciano para as súas titulacións. O obxectivo que se persegue é dun 35% en 5 anos e a distribución equitativa da oferta docente impartida nas dúas linguas oficiais nun prazo máximo de 10 anos.

A Universidade de Valencia encabeza a oferta de clases en valenciano no sistema universitario público desa comunidade autónoma. A docencia en valenciano crecera aceleradamente ao comezo, mais estancarase nos últimos cursos ao redor do 25%; ademais, existen importantes diferenzas entre as titulacións en relación á docencia na lingua propia.

O Plan ademais establece que a oferta académica das diversas titulacións ten que reflectir con exactitude o idioma en que vai impartir cada grupo e subgrupo de cada materia, para garantir a seguridade lingüística tanto dos estudantes como do profesorado, o cal debe impartir a docencia na lingua establecida na oferta académica e reflectida no POD. Unha vez feita oferta e aberta a matrícula, a lingua vehicular dunha materia non se pode cambiar, nin sequera por votación dos estudantes. Os estudantes matriculados nunha materia en valenciano teñen que recibir nesta lingua os materiais elaborados polo profesorado e polo menos os exames, a guía docente e as prácticas.

 

Luns, 02 de xullo de 2012