Inclúese o galego en Le grand dictionnaire terminologique

O Grand dictionnaire terminologique (GDT), produto do Office Québécois de la Langue Française, incorporou o galego á súa base de datos. Este dicionario terminolóxico conta con trinta e cinco anos de historia ás costas e está dispoñible en liña, de forma gratuíta, ofrecendo millóns de termos en máis de 700000 fichas. Posúe unha interface eficaz, que permite a combinación de diversos filtros, como diferentes dominios de especialidade e linguas.

Entre as funcionalidades máis recentemente incorporadas por este diccionario electrónico figuran a posibilidade de compartir estas fichas por correo ou peneirar buscas que inclúan a definición e as notas. Recorrendo a estratexias de doada visualización, as fichas creadas polo propoa Office Québécois sinálanse cunha bandeirola azul e a consideración sobre os termos márcase do xeito que segue: con cor verde os privilexiados, con amarela os de uso restrinxido e con vermella os desaconsellados.

As linguas con maior peso porcentual de entradas son as linguas inicialmente incluídas na base de datos: o francés e o inglés. No entanto, xa se foron incorporando termos noutras linguas como o castelán, portugués, italiano, catalán, romanés e galego. Isto é así por seren estas últimas, xunto co francés, as linguas que forman parte do proxecto Realiter, a Rede Panlatina de Terminoloxía que agrupa a persoas e institucións de países con linguas romances que traballan activamente en terminoloxía. O corpus de entradas terminolóxicas do GDT só incorpora, para as linguas que non son o francés e o inglés, os vocabularios heptalingües que até agora foron publicados ao abeiro de Realiter. Isto implica que só unha parte da nosa terminoloxía se recolle nel, quedando fóra moitos dos dicionarios, vocabularios ou precisións que xa tiñamos á nosa disposición.

Malia a este último apuntamento, que a terminoloxía galega forme parte desta eficaz base de datos é unha nova moi considerable desde o punto de vista simbólico. Indexar a nosa terminoloxía nunha das bases terminolóxicas de referencia, con alcance internacional, proporciona visibilidade á lingua, alén de apoiar a validez científica do idioma.
 

Luns, 02 de xullo de 2012