A colección de unidades didácticas en galego da USC supera o cento de títulos

Son trinta e un os novos títulos que se incorporan á colección de unidades didácticas da USC, como froitos do correspondente obradoiro e mais dunha convocatoria aberta ao PDI que participou en edicións anteriores, co fin de que poidan ir completando o seu proxecto didáctico.

Dereitos da personalidade, de Ana Gude; Síntese estereoselectiva e asimétrica: conceptos xerais, de Moisés Gulías; Enfermidades parasitarias das abellas, de Rosario Panadero Fontán e Ceferino López Sández; Análise e síntese de circuítos lóxicos combinacionais, de Diego Rodríguez Martínez ou Aproximación á oración en francés, de Nuria Rodríguez Pedreira, son títulos das trinta e unha novas unidades didácticas que publica a USC na súa colección «UD».

En 2008 apareceron as dezasete primeiras unidades didácticas desta colección da USC, como resultado do Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego que organizara, como curso piloto, o Servizo de Normalización Lingüística, co impulso da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía.

Contar cun recurso didáctico de calidade para utilizar non só nas materias das titulacións para as cales as concibiron os seus autores/as, senón tamén por parte doutros/as docentes doutras titulacións que poden recomendar o seu uso sempre que o estimen oportuno na súa docencia. Deixar atrás os apuntamentos ou as fotocopias para contar cun material de apoio ao ensino con calidade, tanto formal coma nos contidos, adaptado ás necesidades reais e ao contexto da USC. Facilitar a publicación, por parte dos docentes, de materiais importantes, pero que doutro xeito se cadra nunca chegarían a ver a luz... E o feito de que a lingua galega enfíe dende o principio esta importante iniciativa, achegando materiais didácticos en galego e enganchando por vez primeira a algúns e algunhas dos docentes participantes.

Dende daquela, e sete obradoiros máis tarde, a iniciativa semella consolidada:

  • Polo éxito dos cursos, sempre cunha demanda moi superior ao número de prazas, forzosamente limitado, dado o volume de produción que xera. Non alleo a este interese é contar cunha publicación co ISBN da Universidade e o recoñecemento do esforzo que supón elaboralos.
  • Pola alta valoración que reciben nas enquisas de satisfacción do PDI do Programa de Formación e Innovación Docente.
  • Polo número de títulos publicados: chegamos xa aos 115 e como resultado do Obradoiro que se está a celebrar nestes días na Facultade de Matemáticas, a principios do vindeiro curso hanse publicar novas unidades.
  • Por conseguir reenganchar profesorado que seguiu o curso e que continúa a publicar as súas unidades, dentro do proxecto didáctico que encetou e asumiu co Obradoiro.
  • Pola satisfacción do profesorado e do alumnado que traballa con elas.
  • Polo maior pulo outorgado á colección pola Comisión Editorial Académica da USC.

As unidades didácticas publicaranse no repositorio dixital de contidos da USC baixo algunha das seis licenzas Creative Commons, que aseguran asemade o uso público de contidos e os dereitos de autor orixinais. Deste xeito, poderase acceder ás unidades didácticas, descargalas e/ou imprimilas, incluída a modalidade de impresión dixital que garanta a súa calidade. Alumnado propio, docentes doutras materias que poidan estar interesados ou alumnado alleo veranse favorecidos coa meirande difusión desta colección, que ata agora só está dispoñible a través do web do Servizo de Normalización Lingüística.

 

Luns, 02 de xullo de 2012