Erasmus intensive galician language courses

Por terceiro ano consecutivo as alumnas e alumnos do programa Erasmus que chegan a estudar ás universidades galegas contan cun curso para iniciárense na lingua galega antes de comezaren o curso académico. Desta volta será a Universidade de Santiago de Compostela -en anos anteriores fórono as de Vigo e A Coruña- a anfitrioa para os 40 estudantes de toda Europa (Alemaña, Polonia, Italia, Eslovenia, República Checa, Irlanda, Francia, Austria...) que veñen ao noso país a continuaren, durante un mínimo de nove meses, os seus estudos superiores ao abeiro do programa Erasmus.

A selección das máis de 60 solicitudes realizouse de xeito que o curso, que é de balde, beneficiase  as persoas que tiñan como destino calquera das tres universidades galegas,  as que veñan por un mínimo de nove meses (a totalidade do curso académico) e as que, en relación á súa lingua de orixe, puidesen ter maiores problemas de comunicación.

Os cursos intensivos de lingua galega para Erasmus están pensados para satisfacer necesidades inmediatas de comprensión e para adquirir expresións cotiás e frases simples que lles permitan aos estudantes Erasmus que van pasar o vindeiro curso en Galicia, interaccionaren cos interlocutores galegos en canto a cuestións sinxelas da vida diaria así como participaren na vida social da universidade e na xeral da comunidade.

Organízanse dous cursos de nivel inicial (nivel I), de lingua e cultura galegas, que se desenvolverán ao longo de 60 horas na Facultade de Dereito e a través de diversas actividades culturais e de lecer: excursións a distintas paraxes galegas de interese, proxeccións, teatro, música, gastronomía... A Universidade de Santiago pon ao seu dispor aloxamento no Colexio Maior Fonseca a un prezo de 11 euros por cuarto. Contan, ademais, cunha bolsa para a estadía do propio programa.

Europa e as linguas

O Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea (Lifelong Learning Programme) pretende contribuír, mediante a aprendizaxe permanente, ao desenvolvemento da comunidade europea como sociedade de coñecemento avanzada. En particular, estimular o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dentro da UE.

Este programa, que sucede aos programas Sócrates, Leonardo da Vinci e ICT, responde, entre outros obxectivos específicos, aos de promover a aprendizaxe das linguas e a diversidade lingüística  e fomentar a tolerancia e o respecto cara a outros pobos e outras culturas.

Convén non esquecermos que en Europa se fala máis ca español ou inglés; en realidade no vello continente fálase máis de 80 linguas; de feito, o programa ofrece este ano cursos para os Erasmus que vaian a Bélxica (neerlandés e flamengo), Bulgaria (búlgaro), Croacia (croata), Chipre (grego), República Checa (checo), Dinamarca (danés), Estonia (estonio), Finlandia (finés e sueco), Grecia (grego), Hungría (húngaro), Islandia (islandés), Italia (italiano),  Lituania (lituano), Malta (maltés), Países Baixos (neerlandés), Noruega (noruegués), Polonia (polaco), Portugal (portugués), Romanía (romanés), Eslovaquia (esloveno), España (eusquera, catalán, galego e valenciano), Suecia (sueco), Suíza (italiano) e Turquía (turco).

Como se ve, as linguas máis coñecidas a nivel europeo (alemán, inglés, español, francés) non entran neste programa de cursos, pois precisamente se dirixe a promover o diálogo intercultural e a conseguir unha lingua persoal adoptiva, segundo as recomendacións do Grupo Maalouf da Comisión Europea, contidas no documento Un reto proveitoso. E por que non había de ser o galego?





 

Venres, 29 de xuño de 2012