«Somos a curta!» II Premio de curtas de comedia 2012

Se es dos que anda gravando todo en vídeo... Se tes chispa para crear unha comedia (e un colega que lle dea ao vídeo). Ou se tes aspiracións de diva ou divo do cinema, ou alma de negociante produtor (e un par de colegas para que che fagan un guión e lle dean ao vídeo...). En definitiva, se che apetece facer unha excursión ao mundo do cinema e es estudante dalgunha das universidades galegas, de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2012, podes participar no II Premio de curtas de comedia  «Somos a curta!»

Non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC antes do 7 de novembro. Unha semana máis tarde, o 14 de novembro, todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 400 e 200 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame, unha proposta da Liga Estudantil, cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua. 

«Longa noite de verga»

Tal foi o irreverente título con que Anxo Franco Couceiro e Iago Seoane Rodríguez gañaron o único premio de 600 euros con que estaba dotado o concurso a pasada edición. Ao certame presentáranse doce curtas, e o xurado, formado polo actor Miguel de Lira, o crítico e director Xurxo González, e os profesores e membros da CNL organizadora Xosé López e Marta Pérez Pereiro, preseleccionou cinco títulos: Lectura pracenteira, Longa noite de verga, O crepúsculo de Von Carter, Pericosis e Xizeitor.

As fitas proxectáronse durante a gala na Facultade, presentada pola cómica Isabel Risco, diante dunhas duascentas persoas. Finalmente déuselle o premio a Longa noite de verga, que narra a crise de identidade dun director de cinema porno en galego, curta que está colleitando unha grande aceptación na Rede, a través do perfil en Facebook da CNL da Facultade.










 

Xoves, 31 de maio de 2012