Obradoiros para o PDI en xuño

Xuño é un bo mes para aprender cousas novas, que logo maceran no verán e se aplican durante o curso seguinte. En xuño rematan as aulas e o profesorado universitario está máis predisposto a participar en actividades de formación. Velaquí obradoiros que che permitirán mellorar a calidade do teu galego, coñecer o tecnolecto galego con precisión ou vehicular materiais docentes na nosa lingua.

Todos eles están organizados polas comisións de normalización lingüística dos seus centros e o Servizo de Normalización Lingüística, no marco do Programa de Formación e Innovación Docente. Xa que logo, a inscrición nos cursos faise a través do PFID e contan co recoñecemento do dito programa para todos os efectos, incluído o cómputo de horas para conseguir o Diploma en Docencia Universitaria, que expide a USC por 100 horas de formación.


Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego

Sen dúbida, o máis exitoso e requirido destes obradoiros. Non é de estrañar! Axunta, en 30 horas, formación didáctica, lingüística, legal e editorial para, no mesmo curso e de xeito titorizado, a partir dun modelo, elaborar unha unidade didáctica que logo será publicada pola USC. A colección da USC conta, deste xeito, con 90 títulos de todos os ámbitos na nosa lingua, o cal pode axudar a aumentar o uso do galego na actividade docente. A asistencia ao obradoiro non só dá dereito á publicación desa primeira unidade, senón a publicar todas as que formen parte do proxecto didáctico dunha materia.

Trátase, pois, dun ambicioso proxecto didáctico na USC, nacido dunha proposta da Comisión de Normalización de Psicoloxía en 2007, co que calquera profe se dota de ferramentas propias para afrontar a docencia dunha das materias que imparta, individual ou conxuntamente cos demais profesores desa materia. Algo que agradece o alumnado, que enche de orgullo ao autor ou autora e que lle sae moi a conta, pois ademais do propio mérito formativo e do mérito de contar cunha publicación universitaria, a elaboración de unidades didácticas en galego puntúa en dous apartados da avaliación para o recoñecemento da excelencia curricular.

Este novena edición do Obradoiro celebrarase na Facultade de Matemáticas.

Obradoiro de presentacións dixitais en galego

Utilizar a tecnoloxía para mellorar a comunicación sen suplantala, para apoiar o discurso sen substituílo, para engaiolar o auditorio sen aparvalo. Utilizar presentacións dixitais sen que o seu deseño e elaboración reste tempo excesivo da preparación do que temos que dicir. Utilizar presentacións dixitais en que o galego sexa lingua vehicular. Eses son os obxectivos que se buscan con este Obradoiro, ao sermos conscientes de que esta ferramenta, ao ser aínda nova, adoita afogar as mensaxes na simplicidade.

En 30 horas achégase formación sobre a planificación, deseño e redacción de presentacións dixitais utilizando un modelo de calidade propio da USC, así como sobre a utilización adecuada desta ferramenta na posta en escena do discurso. As persoas asistentes elaborarán, baixo supervisión e co modelo achegado, unha presentación dixital, e posteriormente utilizara para unha exposición sobre un tema nunha sesión de posta en común.

Unha acción formativa de grande interese para presentar resultados de investigación, para impartir conferencias, para divulgar a ciencia ou para apoiar as aulas.

Esta terceira edición do Obradoiro celebrarase na Escola Politécnica Superior de Lugo.

Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica galega I

Un dos tecnolectos máis doadamente recoñecibles é a linguaxe do Dereito. Non só posúe unha terminoloxía propia senón toda unha serie de expresións que a miúdo lle resultan escuras a alguén profano na materia.

A cidadanía ten dereito a comprender as comunicacións verbais ou escritas dos profesionais do dereito. Este foi o punto de partida das Recomendacións da Comisión de Modernización da Linguaxe Xurídica do Ministerio de Xustiza, que se aplican neste Obradoiro, as cales  se comprometeron a impulsar e promover as facultades de Dereito no marco do convenio de colaboración asinado co Ministerio e outras institucións.

O obradoiro de linguaxe e redacción xurídica galega pretende non só dar a coñecer a terminoloxía do dereito no noso idioma e as peculiaridades da redacción xurídica galega (así como as ferramentas e recursos existentes para devir autosuficiente), senón tamén contribuír á súa claridade e transparencia sen restarlle rigor para achegala máis á cidadanía.

Durante o obradoiro realizaranse diversos traballos que ha guiar e supervisar o profesor, Martín Ramos, técnico de normalización do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.

Resulta, logo, de grande interese para todo o profesorado de Dereito que queira ampliar os seus coñecementos sobre linguaxe xurídica en xeral e sobre a galega en particular e celébrase, precisamente, na Facultade de Dereito.

Xoves, 31 de maio de 2012