Os froitos (e os premios) do Fiadeiro

En soamente oito horas de traballo os asistentes ao IV Fiadeiro de localización de software libre deron feito, en colaboración, a tradución para o galego de Universal Subtitles (unha aplicación en liña para subtitular vídeos) do BlueGriffon (un editor de html e páxinas web, herdeiro da familia de editores de Mozilla) e boa parte da axuda en liña do Impress de Libre Office. Axiña habemos velos completados na nosa lingua, mais velaquí un adianto do tradutor de subtítulos.

menu-help-bluegriffon

 

 

 

 

 

 

 

 

Tras as sesións formativas que lles impartiu persoal de Trasno -o proxecto de carácter voluntario adicado á adaptación á lingua galega do sistema GNU/Linux e o software libre en xeral-, nas cales coñeceron as ferramentas que ían utilizar, as memorias de tradución, os glosarios, etc., e tras unha primeira proba de tradución en que compartiron dúbidas e solucións, os participantes botaron oito horas de xornada localizando as aplicacións encomendadas, cun bo nivel de calidade. Contaron co apoio e as explicacións de Antón Méixome e  Enrique Estévez, técnicos de Trasno, que os acompañaron durante todo o sábado.

P4281203

Evidentemente, fixéronse paradas de descanso para tomar un café ou un refresco e algunha galletiña, e todos desfrutaron dun xantar común na mesma entrada do Departamento de Electrónica no Monte da Condesa. Con música galega de fondo, tamén puideron estirar os músculos botando unhas partidas de ping-pong, grazas á colaboración do Servizo de Deportes da USC.

Avaliacións, diplomas e premio

Logo do proceso de revisión e avaliación das traducións realizadas, o IV Open ETSE xa ten flamantes gañadoras do premio «Máis e mellor»: as alumnas Marta Álvarez Pena, de Xornalismo, e Marta Piñeiro Peón, de Matemáticas, que recibirán un diploma acreditativo e 369,40 euros, o importe correspondente á valoración  económica de carácter profesional do traballo que realizaron.

A organización cuantifica a totalidade das traducións efectuadas en máis de 1.200 euros.

Todos os participantes, ademais de conseguiren un crédito de libre configuración, arrequentarán o seu currículum cun diploma de participación na actividade e mais cunha constancia do seu traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, han figurar nos créditos propios da versión localizada.

Os localizadores/as avaliaron moi satisfactoriamente toda a actividade, e déronlle unha puntuación global de 3,6 sobre 4.

 

Mércores, 30 de maio de 2012