Actitudes lingüísticas en Galicia

Acaba de saír a lume o terceiro volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004, dedicado ao estudo das actitudes lingüísticas en Galicia, case tres anos máis tarde que os volumes anteriores que trataban a lingua inicial, a competencia lingüística e mais os usos lingüísticos. Agora, todos eles están dispoñibles, ademais de en papel, en formato electrónico consultable e descargable a través do web da Real Academia Galega.

O MSG-04 realizouse a partir dun inquérito realizado no ano 2004 a máis de 9000 persoas de 15 a 54 anos. Resulta complicado establecer comparacións co estudo sociolingüístico anterior (o MSG-94) e advertir como evolucionan as actitudes lingüísticas, porque a mostra de que se parte é diferente, tanto pola súa distribución xeográfica como pola distribución etaria (o MSG-95 abranguía suxeitos de máis de 16 anos, sen límite de idade), e porque mudou e mellorou o cuestionario.

Por outra banda, como apuntan os autores, «Tampouco debe esquecerse o momento e as circunstancias nos que se realizaron as medicións. Malia que a estabilidade do fenómeno actitudinal ao longo das últimas décadas pode ser indicativo da vixencia de gran parte dos datos obtidos no 2004, hai aspectos do fenómeno actitudinal considerados neste estudo que puideron cambiar á luz dos novos escenarios sociopolíticos e socioeconómicos.»

 

Bilingüismo á galega

Segundo este terceiro volume do MSG-04, a poboación galega expresa maioritariamente opinións favorables aos bilingüismo e valoracións afectivas positivas ou neutras cara ás dúas linguas que se falan en Galicia.

Porén, malia que a maioría considera que un uso bilingües con predominio do galego sería o máis axeitado para o país, para o colectivo, cando os enquisados responden a preguntas que implican un maior compromiso persoal na elección, inclínanse maioritariamente cara ao castelán. É dicir, as valoracións do galego e os seus usos son sensiblemente máis favorables cando se refiren á colectividade que cando implican escollas que comprometen o comportamento do propio enquisado (na lectura) ou os seus intereses (cos seus fillos e fillas), e, moi especialmente, cando, por regra xeral, deben vencer inercias e reclamaren os seus dereitos lingüísticos (nos contratos e casamentos), como se reflcite nas seguintes gráficas, tiradas do MSG-04.
 

actitudes lingua_nenos
lingua_lectura lingua_contratos



É moi significativa a diferenza que se establece na xustificación da resposta á pregunta sobre o idioma para falarlles aos nenos na casa: con independencia dos seus usos lingüísticos declarados, a elección do galego baséase no feito de ser lingua propia de Galicia e a elección do castelán, na súa utilidade.

Hai algunhas variables que inflúen nas predisposicións motivacionais cara ao uso das linguas en Galicia. Así, en liñas xerais, a maior uso dunha ou doutra lingua, maior predisposición para o seu emprego e mellores opinións cara a ela. Daquela, a idade, o nivel educativo, o xénero e, sobre todo, o lugar de residencia son factores que determinan as respostas de moitos enquisados en canto á predisposición e a comodidade á hora de usaren o galego nos diferentes contextos, a valoración da evolución dos seus usos nas últimas décadas ou a valoración das medidas para promovelo. En xeral, as actitudes son máis positivas e a predisposición a usar a nosa lingua é mellor en persoas novas, en persoas con baixo nivel educativo, en homes e no hábitat rural.

A situación do galego

Para máis do 80% das galegas e galegos o grupo formado por Administración autonómica, escola e Administración local teñen moita ou bastante responsabilidade na situación actual do galego, mentres que a intelectuais, goberno central e empresas son os axentes aos que se lles atribúe esa responsabilidade en menor medida (entre o 60 e o 40%). O colectivo de pais e nais, a sociedade en xeral e cada enquisado en particular fican nun punto intermedio: entre o 60 e o 80% dos entrevistados pensan que teñen moita ou bastante responsabilidade no asunto.

Existe un equilibrio entre valoracións positivas e negativas sobre a evolución da situación do galego nas últimas décadas e sobre as medidas que se adoptan para favorecer o seu uso. As opinións positivas aumentan co ascenso na escala de idade, no grupo con estudos primarios, nos concellos de menos de 10.000 habitantes, nas cidades da Coruña e Ferrol e entre as mulleres. Respecto ás medidas que se adoptan para favorecer o uso do galego, as estimacións positivas (‘suficientes’, ‘excesivas’ ou ‘demasiadas’) crece co aumento do uso habitual do castelán, co incremento da idade, co maior nivel educativo (agás nos enquisados sen estudos), nas cidades da Coruña e Ferrol e nas mulleres.

Linguas, identidade, conduta... futuro

O MSG-04 tamén investigou se existen estereotipos que diferencien os cidadáns galegos fronte aos asociados ao resto de persoas do Estado español. Efectivamente, vémonos máis modestos, laboriosos e tradicionais; fronte aos asociados ao resto de cidadáns do Estado: modernos, materialistas e, en menor medida, intelixentes e ambiciosos.

Aínda que os estereotipos máis consistentes e homoxéneos sobre os galegos (modesto, materialista, traballador e tradicional) non varían, independentemente da lingua que habitualmente fale o enquisado, os monolingües en galego apóñenlles outros atributos menos convencionais e mellor valorados socialmente:  flexibles, solidarios, tolerantes e sinceros.

En xeral, enténdese que falar galego é un elemento secundario para definir a identidade galega respecto a sentirse galego e ter nacido en Galicia. Non obstante, a identidade é a razón argumentada  para falarlles aos fillos en galego e é unha das claves que axudan a predicir as condutas lingüísticas.

A lingua que falamos está relacionada basicamente coa lingua que maioritariamente se fala na nosa contorna e co grao de comodidade que experimentamos ao usala. Mais tamén contribúen á nosa conduta lingüística as actitudes cara ao galego e cara ao castelán, a predisposición xeral a usala, a competencia que creamos ter en galego e, como apuntabamos, o peso identitario que lle atribuamos a esta lingua.

Se a lingua que se fala na nosa contorna condiciona en gran medida a lingua que falemos, daquela, as mudanzas nos usos lingüísticos que se estean a producir no presente terán unha grandísima influencia nos usos futuros. É dicir, «o descenso actual de falantes habituais de galego pode ser quen de comprometer a continuidade e a pervivencia desta lingua en prazos sensiblemente máis curtos dos estimados en estudos recentes (Mira, Seoane e Paredes, 2010)».



 

Luns, 30 de abril de 2012