As universidades galegas premian as ideas para fomentar o galego

Se es membro  (estudantes, docentes, PAS)  de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.) podes participar nos IX Premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras nalgunha das súas dúas modalidades: campaña ou idea.

 SNL_LVSe optas por argallar unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. Esta modalidade está dotada cun galardón de 2000 euros.

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, podes igualmente participar neste concurso e gañar ata 1000 euros. Só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

Tes ata as 14 horas do día 9 de novembro de 2012 para presentares no rexistro xeral de calquera das tres universidades a túa idea ou a túa proposta de campaña. No web do SNL da UdC podes informarte polo miúdo das características e das bases do concurso, así como consultar os traballos premiados anteriormente.

 

O Premio «Luísa Villalta», que chega desta volta á súa novena edición, convócano os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cos obxectivos de:

  • desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística;
  • promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua
  • aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades galegas.

No web do certame poderás atopar as bases completas e mesmo coñecer as propostas gañadoras en edicións anteriores.

Martes, 24 de abril de 2012