Todo o apoio para os TFG e TFM en galego

Os estudantes da maioría dos graos deben presentar, para obteren o título correspondente, o denominado traballo de fin de grao (TFG), que poden ter entre 6 e 30 créditos ECTS. Trátase dun traballo persoal en que o alumno ou alumna debe aplicar e integrar os coñecementos e destrezas adquiridos ao longo dos seus estudos, así como a súa creatividade e orixinalidade. Por outra banda, os estudantes de moitos mestrados deben presentar tamén o traballo de fin de máster. En ambos os traballos, a redacción e presentación dos contidos devén un aspecto fundamental.

Para apoiar os estudantes na elaboración dos seus TFG ou TFM e, asemade, fomentar o uso do galego nestes traballos, o Servizo de Normalización Lingüística forneceunos xa hai dous anos de modelos de TFG e TFM epara facilitarlles solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes), e que inclúen ferramentas de apoio á redacción: o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse.

Deste xeito quen queira utilizar estes modelos (o seu uso non é obrigado) só terá que centrarse nos aspectos máis directamente relacionados co contido, deixando á marxe cuestións puramente técnico-formais que ás veces derivan en importantes perdas de tempo xusto cando máis cómpre.

Mais, a pedimento da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas, agora os modelos compleméntanse cun curso de formación.

Cursos de elaboración e defensa de TFG e TFM

A CNL de Económicas, facéndose eco da problemática que lles suscita ao profesora que titoriza estes traballos ou que os avalía, propuxo botar a andar un curso de elaboración e defensa de TFG e TFM que servise para homoxeneizar, dentro do posible, todas aquelas cuestións que necesariamente deben aparecer nos traballos para facilitar a súa posterior supervisión e avaliación. En efecto, os docentes detectan eivas importantes de redacción ou de citación nestes traballos que poderían solucionarse con este curso formativo. Por iso, a meirande parte dos contidos do curso céntranse en cuestións informacionais (que imparte unha técnica da Biblioteca) ou en técnicas de redacción e recursos lingüístico-terminolóxicos (que imparte un técnico do SNL). Neste senso, cómpre destacar que poderán contar cun ficheiro do dicionario personalizado de economía e empresa para integrar nos correctores, elaborado pola Área de Terminoloxía do SNL, o que lles ha facilitar a corrección.

Ademais, o curso conta cunha sesión dedicada a subliñar a importancia da defensa do traballo tanto na súa vertente oral como na utilización de presentacións dixitais, dándolles aos participantes unha serie de recomendacións básicas e presentándolles os modelos de presentacións dixitais de que dispón o SNL e que facilitan grandemente o seu uso. Este módulo é impartido pola profesora Ana Otero.

Esta acción formativa, que xa comezou, viu superadas as expectativas de matrícula.


O fomento do galego nos TFG

Modelos de TFG, recursos lingüísticos e terminolóxicos, cursos... son as pezas da engrenaxe con que a USC tenta fomentar o uso do galego nos traballos do alumnado, respondendo a obxectivos específicos do Plan de Normalización Lingüística, actuacións que se completan cos Premios á calidade lingüística no caso dos traballos de fin de grao, con premios de 300 euros, e no caso dos de fin de mestrado, con subvencións de 150 euros en concepto de gastos de edición.

 

Mércores, 11 de abril de 2012