Vinte e cinco veráns á galega!

O Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan a 25º edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, que terán lugar en Santiago de Compostela do 2 ao 27 de xullo de 2012.

O fin primordial destes cursos é darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Aprender galego e comprender a súa cultura vailles ser ben doado, pois ademais de clases de comprensión e expresión escrita e oral da lingua galega, poderán gozar de conferencias sobre literatura, historia, arte..., películas e documentais en galego, excursións e xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico, unha na Galicia interior e outra na Galicia da beiramar.

O destinatario dos XXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas é o alumnado e o profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas, persoas que logo adoitan converterse en embaixadores da cultura galega na súa patria de orixe, onde seguen a investigala e a espallala. E en Galicia son un factor de prestixio para o idioma, pois ao falaren galego con naturalidade mais co seu acento foráneo, danlle un plus que descoloca a xente galega que ten prexuízos sobre o valor e a utilidade da lingua propia de Galicia, á vez que é un motivo de orgullo para quen aquí traballa arreo pola plena normalización do idioma.

Os cursos de lingua e cultura galegas constan de tres niveis:

  • Elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento. O alumnado deste nivel distribuirase en dous grupos segundo o grao de comprensión da lingua, previa realización dunha proba.
  • Medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, previa realización dunha proba.
  • Curso superior de Filoloxía Galega, para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.


O profesorado dos niveis elemental e medio son titulados ou investigadores en lingua galega dos Seminarios de Lexicografía e de Gramática da RAG e do ILG, con experiencia no ensino da lingua. O profesorado do Curso Superior son profesores con docencia no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Poderanse inscribir todas as persoas que o desexen, unicamente se esixe ter cumpridos 18 anos e que a ficha de inscrición e a documentación requirida no caso de petición de bolsa estea na Secretaría dos Cursos antes do 1º de maio.

A organización dos Cursos dispón de varias bolsas, por importe de 450 euros cada unha. Os bolseiros e bolseiras están exentos do pagamento da matrícula.

Máis información e inscrición no web do Instituto da Lingua Galega.

Venres, 30 de marzo de 2012