Os idiomas das teses de doutoramento

Aínda que se trata de traballos singulares, en moitos casos encadrados en proxectos de investigación, que non poucas veces se redactan pensando xa no seu aproveitamento para publicación -o que condicionade xeito notable os usos lingüísticos, encamiñándoos cara ao inglés-, o certo é que no mundo das teses hai alternativas.

No ano 2011 defendéronse na USC un total de 237 teses de doutoramento. A maioría (170) foron redactadas nun só idioma, principalmente o castelán (116), seguido do inglés (22) o galego (20) e o portugués (12), mentres que outras 67 foron redactadas en dúas linguas; neste caso, de novo o castelán segue campando como idioma preferente, mentres que como secundario sobreancea o inglés. teses

Ao reflectimos todos estes datos na gráfica da beira, o dato máis visual sería o predominio do castelán nas teses, seguido pola importante presenza do inglés en case unha quinta parte destes traballos. Ademais do galego e do portugués, o italiano usouse de xeito secundario nun par de teses.

Como non podía ser doutro xeito, dada a súa masiva presenza, o castelán úsase nas teses de casetodo tipo de departamentos e de xeito maioritario. Por desbotarmos tópicos: 22 das 26 teses defendidas nos departamentos de Química e 27 das 34 teses de Medicina foron en castelán.

O segundo idioma das teses, o inglés, asóciase coas ciencias experimentais e coa Enxeñaría Química. O galego, pola súa banda, utilízase preferentemente en departamentos de ciencias sociais e humanidades, mentres que o portugués aparece en teses con orientacións moi variadas.

 Se botamos unha ollada no tempo aos usos lingüísticos absolutos nas teses (temos datos dende 1990), tres fenómenos chaman a nosa atención, tendo en conta que os datos doutros idiomas foron detallándose progresivamente (en 1994 e en 2009, como reflicte a gráfica):

tesesanos

  • A redución do espazo que ocupa o castelán nas teses.
  • A consolidación do uso do galego nunha modesta porcentaxe.
  • O avance importante do inglés ata ocupar a quinta parte do espazo total

Acoutando a perspectiva aos últimos tres anos e xa en porcentaxes con respecto ao total de teses lidas, obsérvase con claridade como o castelán vai cedendo terreo (case 10 puntos) ao inglés e, se cadra, ao portugués, e como o galego consolida os seus usos arredor do 12%:


evolucion


As 30 teses redactadas en 2011 total ou parcialmente en galego (tres das cales corresponden ao Departamento de Filoloxía Galega) reafirman a validez do noso idioma na investigación, malia a innegable proxección do inglés e tamén do castelán, e aínda que, como xa dixemos, o seu uso é máis frecuente en teses presentadas en departamentos de humanidades e ciencias sociais, tamén se utiliza en Análise Matemática, Enfermaría, Electrónica e Computación, Enxeñaría Química, Física de Partículas ou Química Física.

 

 

 

Na seguinte gráfica apréciase o avance do noso idioma nun traballo tan importante como son as teses de doutoramento.  As 391 teses presentadas en galego dende 1988 reflíctense ademais nun notable grao de fidelidade ao idioma cando os seus autores e autoras teñen a oportunidade de ficaren como docentes na Universidade.
galego


 

 

 

 

 

 

 

 

 (A análise dos datos é unha elaboración propia do Servizo de Normalización Lingüística a partir dos datos de XesCampus fornecidos pola Área TIC da USC).

 

Mércores, 29 de febreiro de 2012