Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego

O  «Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego» busca darlles unha formación específica da que carecen aos alumnos e alumnas das titulacións de Dereito. Trátase de solucionar dúbidas ou problemas de terminoloxía (como se di cohecho en galego?), mais tamén de coñecer as tendencias modernizadoras e democratizadoras da estilística e da documentación xurídica, cada día máis arredadas do escurantismo e a superioridade que emanaba de moitos dos seus textos. Por iso, aos participantes neste Obradoiro se lles recoñecerá, como o pasado curso (Resolución reitoral 2011/61) 1 crédito de libre configuración.

Os obxectivos deste obradoiro son:

  • Coñecer as características principais do tecnolecto xurídico galego
  • Dominar a terminoloxía básica do dereito en galego
  • Asentar un modelo de linguaxe xurídica galega de calidade
  • Familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas do galego xurídico
  • Afondar no proceso de modernización estilística da linguaxe xurídica

Durante o obradoiro tratarase contidos de redacción, estilo, gramática, léxico e terminoloxía xurídica e coñeceranse recursos e ferramentas de apoio. O obradoiro consta de clases presenciais con exposición por parte do profesor, reparto de material de apoio, elaboración de traballos e exposicións posteriores por parte dos alumnos e alumnas.

O Obradoiro desenvolverase na propia Facultade de Dereito (aula 15) os xoves 8, 15, 22 e 29 de marzo e 12, 19 e 26 de abril: tres horas unha tarde á semana, de 16:00 a 19:00 h. A inscrición na actividade, que é gratuíta, pódese facer entre o 6 de febreiro e o 6 de marzo dende o web do Servizo de Normalización Lingüística, onde atoparás toda a información necesaria.

O profesor do obradoiro, Martín Ramos Ínsua, é técnico do Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago e profesor da materia “Linguaxe xurídica galega” na Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela.

O «Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego I» forma parte do plan de normalización lingüística da Facultade de Dereito, «Témoslle lei», aprobado na Xunta de Facultade de decembro de 2009, o cal contén un subprograma de formación para os estudantes de Dereito.
 

Luns, 30 de xaneiro de 2012