Galego para quen non é galega (ou galego)

Os estudantes de fóra que veñen aquí a estudar decátanse de que se fala galego dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta doado sabendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco.

Para axudalos, a USC pon ao seu dispor dende 1996 os Cursos de lingua galega para non galegofalantes, polos cales levan pasado máis de 1000 estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo: Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia, grazas aos programas de mobilidade como Séneca e Eramus.

Os cursos de galego para non galegofalantes organízaos o Centro de Linguas Modernas da USC. Trátase de cursos de 40 horas lectivas, con carácter cuadrimestral, para adaptarse á duración das estadías deste alumnado, aínda que están abertos a calquera membro da comunidade universitaria ou persoa allea interesada en aprender o galego máis básico: correspóndense cun nivel de usuario básico, o que en termos do Marco Europeo de Referencia é un A1, anterior ao Celga 1 (A2, no Marco). En todos os cursos vense documentais coma Historias de Galicia e Os camiños de Santiago e realízanse excursións didácticas polas rúas de Compostela e Lugo.

O curso está recoñecido na Universidade de Santiago de Compostela con 2,5 créditos de libre configuración para o alumnado de plans de estudos estruturados en créditos anteriores ao RD 1393/2007: licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías. 

En febreiro iníciase a segunda quenda destes cursos de formación, que terán lugar en Santiago (Fac. Filosofía, á mañá) e Lugo (Fac. Administración e Dirección de Empresas, á tardiña) do 22 de febreiro ao 7 de xuño. O prazo de matrícula, que se formaliza a través de Internet, está aberto ata o 22 de febreiro de 2012.

Recoñecemento da lingua galega como competencia transversal

Segundo a Resolución reitoral do 01-02-12 sobre a acreditación do coñecemento de lingua estranxeira para a obtención do título de grao na USC e o recoñecemento de créditos de idiomas como créditos transversais, os alumnos e alumnas estranxeiros deberán acreditar, para titulárense, o coñecemento dunha lingua diferente á súa lingua materna. Para estes efectos poderase acreditar o do castelán, do galego, do catalán ou do eusquera.

Neste senso, a estes alumnos e alumnas recoñeceráselles, de acordo coa dita Resolución e co establecido no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas:

  • 1 crédito se acreditan o nivel A2 de lingua galega
  • 2 créditos, se acreditan o nivel B1de lingua galega
  • 3 créditos, se acrediten o nivel B2 ou superiores de lingua galega

Para iso deberán superar unha proba de nivel que establecerá o Servizo de Normalización Lingüística anualmente.


 

Luns, 30 de xaneiro de 2012