Doce propostas presentadas a «Somos a curta!»

De verdadeiro éxito se pode cualificar a participación nesta primeira edición de «Somos a curta!». Doce son os títulos presentados ao concurso, que se resolverá o vindeiro mércores 14 de decembro nunha gala aberta no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación: As relacións son difíciles, Cagarrúas, Control de sono, Dobre ou nada, Far Blues, Lectura pracenteira, Longa noite de verga, O asasino do pan, O crepúsculo de Von Carter, O estudante vetusto, Pericosis e Xizeitor. A actriz Isabel Risco será a encargada de presentar e animar a velada, na cal o público poderá visualizar os traballos finalistas.

De feito, consonte as bases deste I Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia, que organiza a Comisión de Normalización Lingüística do dito centro, a CNL verase obrigada a facer unha preselección para reducir o número de propostas que cheguen á final a cinco, co obxecto de non alongar excesivamente o acto, no cal se outorgará o premio de 600 euros con que está dotado o concurso.

Daquela, o traballo de escolma da mellor peza seralles máis doado ás persoas integrantes do xurado, formado por Miguel de Lira, Xurxo González, Xosé López e Marta Pérez Pereiro.

En «Somos a curta!», nacido a proposta da Liga Estudantil Galega, podían participar calquera membro do alumnado no curso académico 2011-2012, das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia, que presentara unha peza audiovisual breve cunha comedia en lingua galega, a xeito individual ou en equipo.

Martes, 29 de novembro de 2011