Como se redacta un traballo académico (ou de investigación)?

Redactar con corrección e sen erros nin faltas, estruturar ben os contidos e presentalos con coherencia, incluír citas e elaborar bibliografías, automatizar índices, empregar os correctores, inserir táboas ou imaxes, etc., son destrezas comunicativas que se dan maioritariamente por sabidas nas aulas. Porén, existen eivas neste terreo entre o alumnado, o que se reflicte con máis impacto polo maior número de traballos que se realizan nos graos. Xa que logo, os «Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación», que poñen en relación elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos na procura da mellor calidade formal, veñen cubrir unha importante lagoa.

Diríxense especialmente a aquelas persoas que estean realizando ou vaian realizar:

  • tese de doutoramento
  • traballo de fin de mestrado
  • memoria de licenciatura
  • traballo de fin de grao
  • proxecto de fin de carreira
  • traballo de investigación tutelado
  • traballos académicos de curso

Desenvolverase un total de cinco cursos: na Facultade de ADE (Lugo) de 13 a 15 h; en Dereito (de 9 a 11 h),  Psicoloxía (de 12 a 14) e de Filosofía (de 19 a 21 h), entre o 12 e o 22 de decembro de 2011 e o 17, 18 e 19 de xaneiro de 2012. En total, 30 horas de curso (22 delas presenciais) que dan dereito a un crédito de libre configuración para todas as titulacións. Comprende oito sesións presenciais, con uso dun equipo informático con conexión a Internet por persoa, e oito horas de traballo individual, que consistirán na elaboración dun pequeno traballo (mesmo un en desenvolvemento polo estudante), en que se poñerán en práctica as cuestións tratadas. O curso remata con tres sesións presenciais de avaliación conxunta dos traballos.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 9 de decembro a través da web.

O prezo dos cursos é de 30 €.  Esta cantidade será reembolsada se o estudante realiza en lingua galega algún dos traballos anteditos e formaliza a solicitude de devolución.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Martes, 29 de novembro de 2011