O imaxinario social sobre galego (ou a pervivencia de prexuízos lingüísticos)

Os estudos (e a experiencia, e as novas...) alertan de que a sociedade galega segue a padecer o estigma dos prexuízos sobre a nosa lingua e os seus falantes. Os profesionais do ensino deben estar preparados para afrontalos, pero... e se tamén os sofren?

Con esta hipótese de partida e co obxectivo de que os profesionais do ensino identifiquen, preveñan e corrixan os prexuízos lingüísticos dende unha óptica de igualdade das linguas, tiveron lugar o 25 e o 26 de novembro as III Xornadas «Educación e linguas en Galicia», que organizan a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e mais o Servizo de Normalización Lingüística.

As xornadas encetáronse de mañá coa conferencia do director do SNL, Manuel C. Núñez Singala, quen, por medio de xogos e paradoxos, demostrou a existencia de prexuízos de todo tipo na nosa maneira de vermos o mundo e fixo visualizar como os nosos marcos mentais, tanto á escala individual coma social, condicionan previamente a percepción do que nos rodea; tamén da(s) lingua(s) e dos seus falantes.

As cen persoas matriculadas tiveron logo a oportunidade de participar activamente a través de grupos de traballo simultáneos. A utilización de vídeos serviu para animar, organizar e ordenar os debates, nos cales se expuxeron os prexuízos contra o galego con que tiñan que lidar acotío, tanto nos centros educativos coma noutras profesións e ámbitos da vida privada e pública, e buscaron fórmulas para desactivalos. As persoas que coordinaron e guiaron os grupos de traballo elaboraron posteriormente unhas conclusións que se lle trasladaron ao conxunto do público das xornadas na tarde.

Na tarde do venres desenvolveuse a primeira das táboas redondas tituladas «En galego, sen complexos», na cal participaron membros de entidades con experiencias de éxito na promoción do galego: Carolina Díaz, que expuxo o traballo do Concello de Vigo en integración lingüística da poboación inmigrante; Valentina Formoso, o labor no eido educativo dos equipos de normalización e dinamización lingüística; Duarte Crestar, o do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, e Malú Bergantiños, a aposta da empresa R por utilizar a nosa identidade e a nosa lingua como parte da súa imaxe de marca.
 
Durante a mañá do sábado, Rosa María Ramírez Palau, da Escola Vila Olímpica de Barcelona e o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, Artur Noguerol, explicaron (a primeira, desde unha experiencia pedagóxica concreta; o segundo, desde un plano xeral) como funciona cognitivamente a aprendizaxe de e en varias linguas partindo da lingua minorizada, o que desmontando a crenza que ás veces se tenta espallar de que a lingua propia, cando se trata dun idioma minoritario, non axuda á adquisición do plurilingüismo.

A seguir desenvolveuse a segunda das táboas redondas «En galego, sen complexos», na cal o catedrático de Eletromagnetismo da USC e coñecido divulgador científico Jorge Mira, o xornalista Xurxo Souto e o campión mundial de tríatlon 2008, Javier Gómez Noya, demostraron coas súas experiencias persoais que é posible vivir e traballar en galego en Galicia cunha visión cosmopolita do mundo centrada na propia identidade e na propia lingua para proxectarse cun valor engadido.

Estas terceiras xornadas foron moi ben valoradas polas persoas asistentes, que destacaron nas súas avaliacións a importancia do traballo práctico e participativo, así como de contar con referentes e modelos de persoas e actuacións para poder contribuír a desmontar os prexuízos lingüísticos que aínda padecemos.

Paula Alexandre Teixeiro

Martes, 29 de novembro de 2011