A pregunta segue no aire: Os medios en galego, importan?

Comezamos a organizar estas xornadas a primeiros de ano e xa o propio título do evento estivo suxeito a debate. Oscilamos, a medida que caían medios en galego, entre o importan e o existen, manter ou eliminar o interrogante… E ese xogo coas palabras, que tiña un aquel de provocación, foi recollido nalgunhas das exposicións das xornadas e mesmo suscitou algún debate para entrar en calor á hora de abordar os distintos temas escollidos para estes días.

Debo dicir que a configuración do programa, que dista moito de falar de todos os temas posibles relacionados coa lingua nos medios, foi difícil, un work-in-progress a medida  que desaparecían medios e aparecían as incidencias habituais da organización dun evento (que neste caso parecían multiplicadas por cen).

Decidimos abordar o tema en tres bloques: un dedicado á situación económica dos medios, mais centrado na prensa, que leva acusado con forza as mudanzas na profesión e a crise económica; un segundo bloque para falarmos dos medios que persisten en galego en prensa e rede, dándolles voz a medios que non adoitan pasar pola universidade e, finalmente, un bloque sobre audiovisual, que intentaba falar de fórmulas de éxito na televisión en galego, analizar o estado da radio en galego e do cinema, desde varias ópticas: a creación, a  difusión e a exhibición e o consumo.

Somos conscientes de que o programa ten moitos erros, un deles, recollido en comentarios no twitter (as xornadas puideron seguirse co #xornadasmedios), que é a falta de presenza dos medios públicos. A situación dos últimos meses foi reorientando o programa de xeito natural cara a unha análise máis centrada na prensa, mais é certo que o panorama convulso da radio e da televisión públicas non están ben recollidas no programa. Ou buscamos falar de aspectos parciais do audiovisual desde un punto de vista distinto ao abordado na prensa.

En calquera caso, non queremos esgotar aquí o tema e confío en que teñamos máis oportunidades de seguirmos debatendo, pero tamén que haxa un sentido individual de compromiso, algo que se veu demandando desde case todas as mesas de xeito transversal: que como cidadáns tamén entendamos que formamos parte do ecosistema de medios galegos, como indicaba o profesor López.

A xeito de conclusión podemos dicir que desde todas as palestras hai unha sensación común de certo fracaso das políticas de comunicación promovidas desde a administración pública, de erros de xestión empresarial nos medios e da dificultade de sabermos se a cidadanía galega quere realmente medios na súa lingua ou simplemente a reivindicación se limita aos días de festa como o día da patria ou ao das letras galegas.

Non quedamos coa sensación de que estas xornadas nos dean respostas pero si datos, moi difíciles de acadar en moitos casos, e experiencias de persoas que traballan nos medios en galego, desde logo, non con afán de se faceren ricos, como ben dixo Denís Fernández, de Tempos Novos.

A Comisión de Normalización Lingüística ten un perfil de Facebook no que poderedes ler os resumos das xornadas e entrar a vos informar das próximas actividades. Estes resumos pretendían ser notas de prensa que non foron solicitadas polos medios. Máis elementos de xuízo, como vedes, para entender que nin sequera os medios están pendentes do seu. De feito, a poucos días de comezaren as xornadas tivemos que refacer por completo algunha mesa porque os convidados non pareceron dispostos a falar ou non atoparon que este fora o foro máis apropiado. Seguro que poderedes velos ben axiña en eventos doutras características.

O que si é positivo, sen dúbida e case unha sorpresa, é que sexades tantos, que vos apuntarades tan axiña, que esteades participando e seguindo as xornadas por « terra, mar e aire».

Marta Pérez Pereiro

Martes, 29 de novembro de 2011