Presentación de «Termos esencias de dereito constitucional» e once unidades didácticas de dereito

A campaña «Témoslle lei», que este ano deu comezo na Facultade de Dereito, continúa a dar pasos cara á normalización do noso idioma neste importante esteo formativo para o mundo xurídico. O pasado martes 30 presentouse no Salón de Graos do centro o Termos esenciais de dereito constitucional, elaborado pola profesora desta especialidade Begoña López Portas e mais polo técnico en Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística Xusto Rodríguez Río. O volume, editado polo Servizo de Publicacións da USC, é un glosario con 788 expresións xurídicas de dereito constitucional en galego e a correspondente versión en castelán de cada termo. En palabras da autora, a publicación «pretende aproximar e familiarizar a docentes e alumnos co uso do vocabulario técnico do dereito constitucional en galego».

Ademais de Termos esenciais de dereito constitucional, no acto presentáronse once novas unidades didácticas elaboradas polos propios docentes da Facultade, logo de cursos formativos inseridos dentro de «Témoslle Lei», co recoñecemento do PFID. Nestas novas unidades abórdanse temas como As capitulacións matrimoniais, O contrato vitalicio, A Unión Europea e o individuo ou As penas privativas de liberdade, esta última elaborada polo profesor Miguel Abel Souto, un dos presentes no acto, quen animou ao resto de docentes da facultade a achegaren o seu gran de area ao aumento do uso do galego na docencia do Dereito.

Termos esenciais de dereito constitucional, que contou co patrocinio para a súa edición da Deputación Provincial da Coruña, ademais de poderse consultar en formato libro, tamén está dispoñible no bUSCatermos (o banco de datos terminolóxicos multilingüe da USC) e no web do Servizo de Normalización Lingüística en formato PDF. Neste mesmo formato e lugar pódense consultar e descargar as unidades didácticas publicadas da área de Dereito, que forman parte da colección UD-Unidades didácticas da USC, composta arestora por 60 títulos de todos os grandes campos da docencia da nosa universidade.

Gran rendibilidade didáctica

Outro dos convidados á presentación do libro e das once unidades didácticas foi o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés, que loou especialmente o traballo desenvolvido conxuntamente polo Servizo de Normalización da Universidade, a Facultade de Dereito e Publicacións, poñéndoo como paradigma e modelo de cooperación entre os diferentes departamentos da Universidade. Para Valdés, tanto o traballo da profesora Begoña López Portas como as once unidades didácticas presentadas «teñen unha grande rendibilidade didáctica» e aventúralles «unha grande proxección coa potenciación do repositorio dixital da USC, que multiplicará e facilitará o acceso a publicacións deste tipo».

Na presentación de Termos esenciais de dereito constitucional  interviñeron a súa  autora, Begoña López Portas; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o deputado provincial Xoán Manuel Sande; o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; a coordinadora da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito, Antonia Nieto, e Miguel Abel Souto, autor dunha das unidades didácticas presentadas, e o decano da Facultade, Luis Míguez Macho, quen asegurou que o traballo pola normalización do galego no centro «non remata aquí» e que apuntou á necesidade de ter manuais de Dereito en galego como un xeito eficaz de poder normalizar realmente a nosa lingua no mundo dos xuristas, para o cal a edición de unidades didácticas era un excelente primeiro paso.

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Xoves, 31 de marzo de 2011