«Unha maior presenza do galego na docencia de Dereito favorecerá unha mellor formación como profesionais»

A campaña «Témoslle Lei» ten como obxectivo presentar un plan para aumentar a presenza do galego nun dos centros universitarios de Compostela en que a súa implantación é marxinal en comparación co castelán: Dereito. As organizacións estudantís da Facultade representan un papel importante á hora de sensibilizar a alumnos e docentes, sobre a importancia de ampliar os espazos da nosa lingua na docencia. Borja López, de Asociación de Independentes de Dereito (AID); Rocío Quinteiro, do Foro de Alumnado de Dereito (FAD), e Ana Castro, dos Comités, expóñennos os seus puntos de vista sobre esta campaña e, tamén, sobre a situación do galego na Facultade.

 

Dereito é unha dos centros da USC en que a presenza do galego na docencia é reducida en comparación coa do castelán. A que se pode deber?

Borja: Cada un fala no que lle apetece, no que se se sente máis cómodo. O substancial é a materia que se imparte, independentemente do idioma en que o faga. Se dá clase en galego, perfecto, e de feito nos últimos anos está sendo máis habitual en diversas materias. Creo é que o estudantado non é participativo na cuestión do idioma, que ao lado dun sector do alumnado interesado polo galego, tamén hai outro ao que lle dan os apuntamentos en galego e non os aprecia. E ningún profesor che pon inconveniente por faceres os exames en galego.

Rocío: Eu creo que se debe a unha falta de compromiso do profesorado, xa que se un profesor imparte docencia en galego, o alumnado responde. O que acontece é que os alumnos se senten cohibidos; chegan aquí falando en galego e marchan falando en castelán. Lembro que en primeiro había moita xente que falaba en galego na miña clase, pero había profesores aos que parecía que non lles gustaba que o empregaras, polo que moitos compañeiros fórono deixando e ao final da carreira o 95% da xente terminara falando castelán. Se nós mesmos, os galegofalantes, por temor a que nos sinalen, non falamos o noso idioma, non imos avanzar na normalización.

Ana: Eu tamén creo que o problema principal é a falta de compromiso por parte dos profesores. Hai compañeiros que levan cinco anos estudando aquí e só tiveron unha materia en galego. O ano pasado aprobárase que se ía impartir un grupo de primeiro en galego integramente e nin sequera se conseguiu. O feito de que o profesorado non o empregue inflúe moito no alumnado.

Credes que estudantes e profesores van intentar mudar os seus hábitos lingüísticos e empregar máis galego nas aulas?

Borja: Polo de agora a campaña parece que está a ter moito éxito. Moita xente recolleu as bolsas cos materiais e a lexislación en galego, e xa que os ten hai máis posibilidades de que se expresen en galego.

Rocío: Eu penso que se nós damos un punto de apoio para favorecelo, o uso do galego vai ir cara a adiante. Se non facemos nada e quedamos de brazos cruzados, por si soa a situación non vai mellorar.
 
Ana: A campaña pode ser un paso para eliminar prexuízos cara ao galego por parte de alumnos e profesores, pero tampouco creo que vaiamos notar ningún cambio radical. De todos os xeitos este tipo de actividade axudan a mellorar a situación do galego.

Credes que en Dereito hai instalados prexuízos que empecen o uso do galego?

Borja: Se hai prexuízos, é nun sector minoritario. Simplemente o que pasa é que non todo o mundo vén de familas galegofalantes e iso inflúe moito, porque aínda que coñezas as dúas linguas, unha non a falas. Prexuízos cara ás linguas non hai, non creo que exista ese famoso conflito lingüístico, polo menos eu non o percibo.

Rocío: Iso depende de como te marquen; como che dicía antes, cando a miña promoción chegou á Facultade moitos falabamos galego. Que pasou? Que a través dos prexuízos de que te inculcaban polo feito de falares galego, a xente deixaba de falalo. Penso que en Dereito hai un clima pouco favorable ao uso do noso idioma.

Ana: Eu creo que non, que entre o estudantado non, e se os hai, explicando as cousas e falando non creo que se opoña ninguén. Por parte do profesorado pode ser que haxa un posicionamento máis hostil, pero todo pode mudar e todo se pode conseguir.

Unha maior formación en galego na vosa carreira vai favorecer unha mellora profesional?

Borja: Cantas máis linguas saiba un, mellor, e iso redunda no beneficio de todos. O elemento material, que serían os contidos do dereito, xa os temos, e se lle sumamos os elementos formais, como son as linguas, pode ser moi positivo.

Rocío: Eu penso que si. Ademais lembro que unha vez que os estudantes están facendo as prácticas, pregúntanlles se fixeron os practicum en galego. É algo que valoran moitísimo fóra. Por iso penso que si que é útil estudar dereito en galego.

Ana: Si, por suposto. Nós estamos a formarnos como xuristas e a maioría ficaremos a traballar en Galicia. Independentemente de que poidamos traballar noutra comunidade ou país temos que saber utilizar o galego na profesión, xa non só polo feito de ser a nosa lingua, senón porque tamén é útil para algo tan básico como interaccionar como profesionais con xente que fala galego.

O plan inclúe actividades orientadas a mellorar a formacion lingüística do estudantado. Hai un menor dominio do galego con respecto ao castelán?

Borja: Hoxe en día, tendo en conta que na escola se nos ensina galego e castelán, todos temos o mesmo dominio nos dous idiomas. A mellora na competencia das linguas, sexa cal sexa, a todos nos resulta positiva; sempre hai cuestións que se nos escapan, aínda que creas que dominas un idioma.

Rocío: Hai moita xente que non ten nin idea de falar galego. Estes obradoiros van axudar a que a xente se poida desenvolver en galego igual que en castelán. A xente sabe como se din termos ou expresións xurídicas en castelán, pero non en galego, co cal estes cursos van axudar bastante.

Ana: Ao meu ver, o que hai son prexuízos, pero a capacidade para se desenvolver nas dúas linguas é a mesma.

Ao haber pouca docencia en galego, hai un maior descoñecemento da terminoloxía e a lingua do dereito en galego ca en castelán?

Borja: Si, evidentemente. Se as clases se imparten maioritariamente en castelán, imos descoñecer os termos en galego. Un exemplo que me chamou a atención é o da palabra «xuros», que incluso moitos galegofalantes de toda a vida descoñecen. Coñecer estes termos sérvenos para ter un exercer mais elegante. Non queda ben que un profesional que debe falar en público ou perante un tribunal, como acontece en Dereito, careza de precisión.

Rocío: Claro! Canto menos galego na docencia maior descoñecemento da terminoloxía xurídica galega. E ao intentar facer un discurso xurídico en galego, moitas veces farémolo mal.
 
Ana: Si, é unha grande dificultade. As clases impártenas en castelán polo que se ti queres utilizar o galego durante a carreira, facer os exames en galego -que supostamente é o noso dereito-, atópaste con que tes unha deficiencia enorme da terminoloxía xurídica e tampouco che facilitan material complementario.

Na situación actual, logo, o estudante que queira utilizar o galego na carreira ten que esforzarse máis?

Borja: Si, porque hai moi poucas materias en galego. Ese esforzo solventaríase se houbese clases en español e galego para cada materia. Sería moi positivo que puideramos elixir entre ter clases en galego ou castelán.

Rocío: Efectivamente a xente que quere estudar en galego ten que gastar o tempo en buscar a terminoloxía e traducir, algo que o estudante que se acomoda á lingua da clase, maioritariamente o castelán, non ten que facer porque xa lle vén feito.

Ana: Si, iso é o que ocorre. É unha situación que debería ser solucionada xa que non existe igualdade de condicións para os que queremos estudar en galego; témolo máis difícil, non hai igualdade.

Por que credes que o dereito é un mundo tan desgaleguizado?

Borja: Non creo que haxa unha razón especial. A lexislación que se manexa máis  a cotío está en castelán e iso inflúe. O alumnado, ao entrar na Facultade, fala principalmente en castelán Pero está claro que se se impartisen máis clases en galego, os alumnos utilizaríano máis.

Rocío: Para min o motivo principal é que o castelán foi o idioma no que estudaron os profesionais e os profesores, e agora é o idioma no que dan as clases. De todo os xeitos, a situación é outra, e agora podemos dar o cambio.

Ana: Supoño que influirá o feito de que o mundo do dereito e a xustiza foi un dos espazos onde historicamente se fixo un maior esforzo por castelanizar. As causas atópanse na historia e no proceso de castelanización que lle impuxeron a determinados ámbitos da sociedade.

O obxectivo operativo do plan é o de pasar en 3 anos dun 11% do galego na docencia a un 30%. Védelo factible?

Borja: É unha aposta arriscada. Se os estudantes e profesores se enforzasen, non debería haber problemas. Con todo, unha porcentaxe máis alta do 11% pode ser, pero un 30%... creo que é moi optimista.

Rocío: Eu creo que o importante é que todos realicemos un esforzo. Animamos a todo o mundo, profesores e estudantes, a que o faga, apoiándonos os uns nos outros. Paréceme algo complicado tendo en conta a realidade do centro, mais cun pouco do vontade do profesorado será posible.

Ana: Paréceme un obxectivo bastante ambicioso, pero non imposible. Terá que darse un cambio importante na facultade, especialmente por parte do profesorado. Esa é a chave.
 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Mércores, 01 de decembro de 2010