Un idioma preciso

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

O campo da informática ten dúas características (o seu acelerado ritmo de innovación e a preponderancia asfixiante do inglés) que o converten nun terreo en que todas as linguas do mundo atopan grandes dificultades para intentar acoutar a entrada masiva de anglicismos.

Por iso, volvemos outra vez sobre el para fixarnos en dous conceptos relacionados coa forma en que un sistema operativo asigna memoria no momento de executar un programa. Non é a primeira vez que dicionarios e glosarios galegos se fixan neles, pero non se dan asentado unhas denominacións que unan a precisión conceptual e a difusión entre os seus potenciais usuarios.

Comezaremos expoñendo a situación:

  • O primeiro concepto é unha 'área da memoria en que os datos son engadidos ou eliminados segundo a estrutura LIFO (último en entrar, primeiro en saír)'. O inglés bautizou como stack, tanto a estrutura de datos como a área de memoria en que a información é xestionada seguindo esa estrutura. Pola súa parte, castelán, portugués e francés parten do significado común de stack para buscar a palabra equivalente en cada lingua (pila, pilha e pile, respectivamente) e reproducir o esquema de uso que vimos en inglés.

En galego, o Digatic intenta aplicar ese mesmo procedemento, pero evita pila (tendo en conta que entre nós só designa o 'xerador que transforma en enerxía eléctrica a enerxía producida por unha reacción química') e recomenda morea. Curiosamente, só fai mención á estrutura de datos e non á área da memoria. Unha liña semellante séguena os produtos localizados de Microsoft, que empregan maioritariamente montón. No entanto, outros recursos galegos, nomeadamente o glosario e o corpus lingüístico producidos ao abeiro do proxecto Mancomún, apostan polo emprego de pila ou pila de memoria (atribuíndolle a esta palabra un sentido que contradí explicitamente o recollido no dicionario académico galego).

  • O segundo concepto defínese como a 'área utilizada para a reserva dinámica de memoria, cuxos bloques se reservan e liberan nunha orde arbitraria, de modo que o padrón de reserva e o tamaño dos bloques non se coñecen ata o momento da execución'.  En inglés coñécese como heap, nome que tamén se lle dá a unha estrutura de datos. Pero, se entre o stack ('estrutura de datos') e o stack ('área de memoria') había unha relación conceptual evidente, os dous conceptos nomeados como heap non parecen ter conexión entre eles. Castelán e francés elaboran denominacións para as súas linguas de modo semellante ao que vimos antes: parten do significado común de heap e buscan a palabra equivalente en cada lingua para designar a estrutura de datos (montículo e tas, respectivamente). Pero tendo en conta esa falta de relación entre os conceptos, para falar da 'área de memoria' esas dúas palabras conviven cunha presenza considerable do nome inglés. Neste caso o portugués opta por outra vía e usa directamente o estranxeirismo.

En galego, o Digatic propón monte (agora definido como 'área de memoria' e non como 'estrutura de datos'); mentres tanto, Glosario de Mancomún aposta por montón e no corpus lingüístico resultado das localizacións de Microsoft, a forma maioritaria é área de datos dinámicos.

Na nosa opinión, en relacións cos nomes propostos para o galego cabería dicir varias cousas:

  1. Cómpre desbotar a opción de pila por contradicir explicitamente as recomendacións normativas.
     
  2. Recorrer a formas como monte, montón ou morea  -con significados practicamente idénticos na lingua común- para designar dous conceptos diferentes dentro da área da informática pode crear problemas de ambigüidade e imprecisión na documentación técnica.
     
  3. Aínda obviando o anterior, morea ou montón teñen un problema intrínseco para funcionar como equivalentes acaídos do stack inglés: entre os seus trazos definitorios non ten un papel relevante a idea de 'ben colocadas', que pola contra é esencial para describir con exactitude a estrutura LIFO.
     
  4. Se entre os dous conceptos que en inglés se coñecen como heap non hai unha relación conceptual clara, non é imprescindible que o galego recorra á mesma expresión para darlles nome.

Por todo o anterior, a nosa proposta sería a seguinte:

  • Recorrer a rima (definida no Gran dicionario Xerais como 'Conxunto de cousas ben ordenadas unhas enriba das outras') como equivalente galego de stack, tanto para a estrutura de datos como para a área de memoria, evitando así os problemas apuntados en 1 e 2.
     
  • Empregar monte como equivalente do heap 'estrutura de datos', posto que xa desapareceu o problema que ocasionaba o emprego de palabras practicamente sinónimas para stack e heap.
     
  • Empregar monte ou área de datos dinámicos para o heap 'área de memoria'.

 

 

XUSTO ALEXANDRE RODRIGUEZ RIO

Luns, 19 de setembro de 2011