Un idioma preciso

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

148. Un "xacemento" en movemento

A palabra xacemento parece traer conectadas a ela as ideas de 'estabilidade', 'repouso', 'inmobilidade' ou outras semellantes. No entanto, se analizamos a forma en que é tratada pola norma léxica do galego, esta estabilidade transfórmase en movemento, pois foise desprazando desde un estatus de "incorrecta" a ata outro en que parece ser acollida entre as formas galegas lexítimas.

Nun pasado non tan afastado (1997) a Real Academia Galega establecía no seu Diccionario que *xacemento era unha forma que cumpría evitar e que no seu lugar debiamos empregar "depósito", tanto no ámbito da minaría como no da arqueoloxía. No entanto, algúns dicionarios de referencia en Galicia, como os elaborados pola editorial Xerais trataban xa daquela xacemento como unha forma correcta.

Por outra parte, nos ámbitos puramente profesionais, a recomendación da RAG era acollida con moitas reservas, xa que se argumentaba que as características do termo xacemento non se describían acaídamente con depósito, que parecía remitir a un lugar de almacenamento. Isto fixo que os depósitos arqueolóxicos ou de mineral convivisen con xacementos arqueolóxicos/minerais, ou que se intentase estender o uso de denominacións alternativas (como xacigo mineral/xacigo arqueolóxico) que evitasen a forma supostamente imprecisa sen por iso ter que empregar unha desaconsellada. Como nota á marxe, cabe aclarar que o uso de xacigo -que en galego ten o sentido de 'sepulcro'- pode explicarse por préstamo do portugués, pois esta palabra, grafada como jazigo, designa a 'concentração natural de minério'.

Pero, a medida que os anos ían pasando, o criterio da RAG comezou a desprazarse, polo menos parcialmente. Así, mentres no Dicionario castelán-galego (2004) se segue propoñendo depósito como equivalente do castelán yacimiento, no Vocabulario ortográfico da lingua galega, editado o mesmo ano, inclúese xacemento como unha forma galega correcta. E no Dicionario visual da construción (tamén de 2004 e revisado por Termigal) preséntase a equivalencia ES: yacimiento arqueológico // GL: xacemento arqueolóxico.

Se a esta indefinición académica lle sumamos o feito de que a maior parte dos dicionarios de entidades privadas seguiron mantendo o significado de xacemento que a RAG desaconsellaba, non é estraño que o usuario final non saiba se debe evitar ou non esa palabra.

Na nosa opinión, non se trata dun caso doado. Non se pode rexeitar xacemento argumentando simplemente que é un castelanismo, cando formas derivadas da idea de 'xacer' están presentes tamén en catalán (jaciment), francés (gisement), italiano (giacimento) e ata certo punto en portugués (jazigo ou jazida). Pero tampouco se pode obviar que o influxo do castelán favoreceu a súa introdución (nos exemplos galegos máis antigos a forma que atopamos é *xacimento, claramente contaminada polo castelán) e potenciou a súa difusión.

Por iso, pensamos que mentres a RAG non teña un criterio uniforme sería aconsellable tratar como sinónimas as formas depósito e xacemento para designar a 'concentración na terra de substancias minerais'. Pola contra, para nomear a 'concentración nun lugar de restos arqueolóxicos ou fósiles' posiblemente sería mellor evitar o emprego de xacemento e botar man de sitio, que é a forma máis coherente coa maioría das linguas do noso contorno.

 

XUSTO A. RODRIGUEZ RIO

Mércores, 11 de maio de 2011