Un idioma preciso

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

146. Precisión ornitolóxica 6: *becada e *becacina

Nesta precisión falamos das denominacións galegas de catro especies de aves limícolas semellantes:

Por un lado, Scolopax rusticola. Para o obxecto desta precisión é moi importante clicar no nome e catar ben o aspecto deste paxaro. Exhibe un rechamante bico longo e é de tamaño corporal máis grande, cun aspecto máis groso e repoludo, que as outras tres especies que imos ver a seguir. Alén diso, presenta unha característica extraordinaria: é unha limícola de bosque, podémola enxergar a voar por entre as árbores dun souto ou dunha fraga.

Por outro lado, tres especies semellantes á anterior: Gallinago gallinago, Gallinago media e Lymnocryptes minimus. É igualmente moi importante decatármonos de que todas tres son parecidas a Scolopax rusticola, porén viven en zonas húmidas (brañas, lameiros, xunqueiras ou terras ermas á beira dun río) e ademais son máis miúdas e presentan un aspecto máis fino ou delgado do que ten Scolopax rusticola. Como imos ver, estas características son importantes en relación coas súas denominacións.

A primeira ave, Scolopax rusticola, recibe os nomes:

  • En castelán: becada, chocha, chocha perdiz, gallineta, “picarúa” (é dicir, picaruda, en Murcia) etc.
  • En galego: arcea, cea, galiñola, pitarola, pita das poulas, torda e tamén –cada vez con maior uso– *becada. A respecto do nome *becada en galego, que marcamos cun asterisco, nesta precisión queremos argumentar en contra da súa incorporación á nosa lingua e en favor da revitalización dos nomes propiamente galegos desta especie.

As outras tres reciben os nomes:

  • En castelán, xenéricos como por exemplo becacina, agachadiza, agachona ou rayuelo, e especificamente estandarizáronse cos nomes agachadiza común (Gallinago gallinago), agachadiza real (Gallinago media) e agachadiza chica (Lymnocryptes minimus).
  • En galego temos para estas mesmas especies unha chea de nomes; entre outros: arceolo, arciocho, arciúcha, arceúcha, narcexa, agacho, agacha, aguaneta, agoneta, brañenta, cabra do aire, cabra louca, paxaro cabra, paxaro berrón… e tamén *becacina. De feito, no contexto da ornitoloxía especializada galega escolleuse este último nome para a formulación das denominacións específicas: *becacina común ou cabra (G. gallinago), *becacina real (G. media) e *becacina pequena ou xorda (L. minimus). Do mesmo modo que con *becada para Scolopax rusticola, marcamos cun asterisco o nome xenérico *becacina para estoutras tres especies, pois imos falar da recente e innecesaria incorporación deste nome á nosa lingua, que levaría a considerármolo un castelanismo e a recomendarmos igualmente a revitalización dos nomes propiamente galegos destes paxaros.
  • En portugués: narceja, arregacha, cabra-do-monte ou berra como nomes xenéricos. No ámbito da ornitoloxía especializada emprégase narceja-comum para G. gallinago, narceja-grande para G. media e narceja-galega para L. minimus, como se indica na Lista sistemática das aves de Portugal Continental.

A primeira cousa en que é importante repararmos é que estes dous nomes casteláns, becada e becacina, son moi parecidos: forman un sistema de nomenclatura que relaciona a primeira ave coas outras tres. É dicir, a existencia dun nome vai asociada á existencia do outro. O nome becada refírese ao paxaro máis grande e gordocho (S. rusticola) e o nome becacina ás outras especies semellantes á primeira, porén comparativamente máis pequenas e magras. Dado que para alén do aspecto, o hábitat tamén é moi diferente, popularmente foi fácil diferenciar a primeira das outras tres e empregar eficazmente este sistema de nomenclatura: dous nomes parecidos para especies tamén parecidas, asociados ao seu aspecto. Isto non complicou as cousas, ao contrario: así os nomes lémbranse mellor, pois o sufixo -ina está claramente asociado ás aves máis pequenas e delgadas. Sistemas de nomenclatura similares para estas mesmas especies tamén se desenvolveron noutras linguas: así, en italiano emprégase beccaccia para o paxaro de aspecto máis groso e repoludo e beccaccino para Gallinago gallinago; en catalán, de modo paralelo, becada para a especie grande e becadell para as outras tres. Como vemos, nesta asociación de nomes sempre se utiliza un sufixo diminutivo ou talvez despectivo (-ino, -ell) na denominación que designa as especies máis pequenas.

En galego tamén se orixinou un sistema de nomenclatura que relaciona estas aves: arcea para a máis grande e de aspecto robusto (S. rusticola) e unha chea de nomes semellantes a arcea, con sufixos diminutivos ou despectivos, para as outras especies tamén fisicamente semellantes porén máis cativas: arceúcha, arceolo, arciocho, narcexa etc. (A respecto do nome narcexa, que comeza con n-, faremos algún comentario particular máis adiante.) Se verdadeiramente *becada e *becacina fosen denominacións vernáculas galegas, na nosa lingua non teriamos un, teriamos dous sistemas de nomenclatura populares que estarían a relacionar este grupo de especies. Isto é moi difícil que acontecese no seo da lingua. Un deles, o que presenta máis variación (arcea, cea / arceúcha, arceolo, arciocho, narcexa…) orixinouse na nosa lingua e leva séculos nela, e o outro (*becada / *becacina) é de incorporación recente. Ademais, tamén nos fai sospeitar isto que o sistema de nomenclatura castelán becada / becacina sexa moi coñecido e moi empregado no ámbito da caza, feito que sen dúbida debeu facilitar a súa difusión.

Ímonos parar un momento na orixe daquelas denominacións que forman estes sistemas de nomenclatura. Comezamos polo propiamente galego: arcea, cea / arceúcha, arceolo, arciocho, narcexa… O nome máis empregado para S. rusticola, arcea, orixinouse no galego-portugués e no asturiano a partir do latín accēia. A voz arçea documéntase na lingua galega medieval (podemos comprobalo en liña grazas ao proxecto Dicionario de dicionarios do galego medieval). Cea probabelmente derivou de arcea por aférese, un fenómeno fonético frecuente na lingua popular. Os nomes para as outras tres especies formáronse a partir de arcea engadindo sufixos diminutivos ou despectivos (-olo, -ucha, -ocho etc.). A voz narcexa merece un comentario particular. Por un lado, incorpora o sufixo -exo/exa, indicador de tamaño pequeno ou mesmo cargado de certa connotación despectiva (como nos termos galegos lugarexo, animalexo ou trapexo), e tamén ligaría por tanto coa comparación fisica coa arcea (S. rusticola). Por outro lado, incorpora un n- ou nar- inicial que é posíbel que estea influenciado polo termo perromano nara, que significa auga. De feito, en Asturias existe o vocábulo “narcea” (que lle dá nome ao río Narcea), sobre cuxa etimoloxía non hai dúbida de que, cando menos, está presente o prerromano nara. O feito de que nara, auga, orixinase narcexa a partir de arcea ou arcexa estaría en total correspondencia coa característica ben coñecida popularmente que diferencia S. rusticola das especies do xénero Gallinago e Lymnocryptes, como xa apuntamos: os seus hábitats. De ser así, unha narcexa pode ser unha “arcea da auga” (nar-) e ao mesmo tempo “unha arcea máis pequena ou cativa” (-exa) que a propiamente arcea, isto é, designaría coa máxima precisión comparativa neste sistema de nomenclatura popular as especies acuáticas e de tamaño máis pequeno en relación coa especie de bosque e de aspecto máis robusto.

No que atinxe ás dúas denominacións obxecto desta precisión, o sistema castelán becada / becacina formouse e popularizouse en relación coa actividade cinexética (e aínda hoxe o seu uso en castelán continúa marcadamente asociado á caza), a partir dos nomes cataláns e franceses para estes paxaros (en catalán, becada e becadell; en francés, bécasse e bécassine, respectivamente). En catalán e en francés os nomes derivan orixinariamente do prerromano beccus, bico (tanto en catalán como en francés: bec) e fan referencia ao longo bico que teñen estas especies todas. A este respecto, é interesante pormos atención no feito de que se se *becada e *becacina fosen voces patrimoniais galegas, ou sexa, que evolucionasen desde o primeiro momento do prerromano beccus ao longo dos séculos conforme ás leis da evolución fonética do galego, cabería esperar formas como bicada e bicacina, con “i”, e non *becada e *becacina (do mesmo modo que todas as palabras que hoxe na nosa lingua que teñen relación con bico: bicar, bicudo, biqueira ou mesmo bicada, golpe dado co bico ou tamén a comida que as aves adultas levan no bico para alimentaren as crías). Podemos por tanto figurarnos un proceso en que, nun primeiro momento, o castelán conforma o sistema becada / becacina a partir dun nome catalán e dun nome francés, e nun segundo momento, estes dous termos iríanse introducindo na lingua galega provenientes do castelán, principalmente por difusión entre o colectivo dos cazadores.

A incorporación de *becada e *becacina á lingua galega é moi recente. Se facemos un percorrido por diferentes dicionarios e traballos lexicográficos galegos desde o século XVIII até finais do século XX, en todos sen excepción nin *becada nin *becacina se consideraron voces galegas, ao contrario, nos dicionarios bilingües castelán-galego e galego-castelán eran as palabras que se empregaban en castelán para definir os nomes propiamente galegos correspondentes para estas especies (podemos consultar a este respecto o proxecto Dicionario de dicionarios, como xa fixemos noutras precisións).

A pesar de que até a década dos anos 90 (antonte, podemos dicir) non comezan a ser incluídos estes dous termos nos dicionarios de galego, nas décadas dos anos 70 e 80 *becada e *becacina debían ser voces bastante usadas, e se cadra xa, en xeral, máis coñecidas que as voces propiamente galegas para estas especies. A este respecto resulta ilustrativo que o escritor Álvaro Cunqueiro empregue tamén *becacinan’A cociña galega (1973) para aclarar cal é o significado de auganeta. Outro exemplo: no ano 1983 M. C. Ríos Panisse compila en Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II Mamíferos, aves y algas a voz *becada, rexistrada no galego de Bueu. Aínda que non chegou a confirmar que o termo se usase para Scolopax rusticola, foi a única voz que rexistrou que podía ter relación con esta ave (non recolleu arcea nin ningunha das denominacións propiamente galegas que apuntabamos ao comezo da precisión para Scolopax rusticola).

Un factor moi importante que sen dúbida influíu na consideración de *becada e *becacina como denominacións galegas foi que unha delas, *becacina, propúxose na primeira estandarización das denominacións específicas das aves galegas, naquela Lista patrón de aves de Galicia dos anos 1977 e 1978 (véxase a precisión ornitolóxica n.º 1, a n.º 141 d’Un idioma preciso), da autoría de C. Pedreira López e X. M. Penas Patiño. Moi acertadamente propúxose arcea para Scolopax rusticola, porén escolleuse o nome xenérico *becacina para a estandarización das outras tres especies (*becacina cabra, *becacina real e *becacina xorda respectivamente para G. gallinago, G. media e L. minimus). Probabelmente *becacina era o nome máis coñecido e debeu parecer máis atinado que outros nomes xenéricos propiamente galegos igualmente válidos para esa formulación (agacha, arceolo ou narcexa, por exemplo).

A pesar de todas as posteriores modificacións e reformulacións dos nomes daquela primeira proposta (véxase tamén a este respecto a precisión ornitolóxica n.º1), o nome xenérico *becacina continuou considerándose galego no contexto da ornitoloxía especializada e divulgándose en guías de campo e publicacións diversas. No ano 1991, no primeiro congreso galego de ornitoloxía M. Conde Teira e T. Vidal Figueroa presentaron o relatorio Nomes galegos para as aves ibéricas: unha nova proposta, onde se cuestionaron algúns nomes dos empregados até aquel momento, no entanto mantívose o nome xenérico de *becacina para as tres devanditas especies (reformuláronse como *becacina común, *becacina real e *becacina pequena respectivamente para G. gallinago, G. media e L. minimus).

Na década dos anos 90 os dicionarios de galego comezaron a incorporar algúns destes nomes tan específicos que nos anos anteriores se formularan por primeira vez para a nosa lingua no contexto da ornitoloxía especializada. O caso de *becada e *becacina debeu despertar dúbidas: se *becacina se consideraba palabra galega para designar G. gallinago no ámbito da ornitoloxía especializada e os dicionarios o asumían, non había motivo para non considerar *becada igualmente palabra galega para designar S. rusticola, xa que como vimos ambos os dous nomes forman un sistema de nomenclatura, non se entende un nome sen a existencia do outro. O resultado é que hoxe en día os dicionarios de galego presentan moita vacilación a respecto da consideración destas dúas denominacións: hainos que recollen becacina e condenan *becada; hainos que polo contrario recollen becada e non recollen *becacina; hainos que recollen ambas as dúas como galegas; e hainos, tamén, que non recollen ningunha das dúas.

Concluíndomos: na nosa opinión é claro que o feito de seren especies cinexéticas contribuíu ao espallamento dos nomes casteláns *becada e *becacina, ao punto de chegaren a ser máis populares do que son hoxe os nomes vernáculos galegos. É ben ilustrativo que ningunha destas dúas denominacións se recolla na tradición lexicográfica galega nin durante o século XIX nin practicamente en todo o século XX e, ao contrario, consideráranse sempre nomes casteláns para os que se daban os correspondentes nomes galegos. Sen dúbida, a proposta de *becacina na década dos anos 70 no contexto da ornitoloxía especializada favoreceu a consideración tanto de *becada como de *becacina como termos propiamente galegos.

Por todo o devandito, pensamos que *becada e *becacina deberían considerarse castelanismos. Paralelamente, debería revitalizarse o uso dos nomes que se formaron no seo da lingua ao longo dos séculos para designarmos S. rusticola (arcea, galiñola, pitarola, torda etc.) e para designarmos as tres especies dos xéneros Lymnocryptes e Gallinago (arceolo, narcexa, agacha, cabra do aire, brañenta, paxaro berrón etc.).

No contexto da ornitoloxía especializada, talvez o mellor sería reformular os nomes das tres especies pequenas empregando o sistema de nomenclatura comparativo a que fixemos referencia: arcea para Scolopax rusticola e por exemplo arceolo ou narcexa para as outras tres (os nomes arceúcha e arciocho son, se cadra, despectivos de máis). Na nosa opinión a opción máis interesante é narcexa, pois mantén correspondencia coas denominacións estandarizadas na ornitoloxía especializada portuguesa para estas tres especies máis pequenas. Isto é, o sistema de nomenclatura en galego neste contexto podía ser: arcea para S. rusticola, e narcexa común para G. gallinago, narcexa real para G. media e narcexa pequena para L. minimus.

(Para máis información, véxase o artigo *Becada e *becacina: dous castelanismos que non deberían incorporarse á lingua galega, apuntado na bibliografía.)

 

Novas referencias bibliográficas mencionadas (véxase tamén as xa apuntadas nas precisións anteriores):

ALMEIDA COSTA, J. et al. (2004): Gran dicionário da língua portuguesa. Porto Editora, Porto.

CERRADELO GÓMEZ, S. (2011): "*Becada e *becacina: dous castelanismos que non deberían incorporarse á lingua galega", Estudos de Lingüística Galega 3 (no prelo).

DOMÍNGUEZ DONO, X. / FACHAL FRAGUELA, A. (1993): "A fauna en Cunqueiro. As aves", Cadernos de lingua 8, 67-80.

GONZÁLEZ SEOANE, E. (coord.) (2006-2010): Dicionario de dicionarios do galego medieval (http://sli.uvigo.es/DDGM/index.html).

MATIAS, R. et al. (2007): "Lista sistemática das aves de Portugal Continental", Anuário Ornitológico 5, 74-132.

 

Silverio Cerradelo

Mércores, 23 de marzo de 2011