Un idioma preciso

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

145. Precisión ornitolóxica 5: lampareiro ou gavita para Haematopus ostralegus?

Nesta precisión imos falar do(s) nome(s) galego(s) deste paxaro asociado ao hábitat costeiro: Haematopus ostralegus (clicar para ver a imaxe).

En portugués chámaselle ostraceiro; en castelán, ostrero; en catalán, garsa de mar; en francés, huîtrier pie; en inglés, Oystercatcher. É dicir, na maioría das linguas o seu nome estándar fai referencia á súa alimentación (moluscos, ostras que abre co seu longo e forte bico vermello, aínda que tamén se alimenta de miñocas do mar e doutros invertebrados mariños). No caso do catalán, garsa de mar –pega do mar– alude ás cores brancas e negras da plumaxe, que poden lembrar a plumaxe branca e negra dunha pega (Pica pica), aínda que non ten nada a ver con estoutra especie, o nome é só por causa da semellanza das cores.

En galego rexístranse varias denominacións para Haematopus ostralegus. Nomeadamente dúas: lampareiro e gavita (ás veces escrito con be, gabita). Nalgunhas localidades das Rías Baixas (C. D. Romai Cousido, comunicación persoal) úsase tamén para designar este paxaro nomes como pilla e similares, que son máis propios doutras aves limícolas (por exemplo do xénero Charadrius), ou bilurico e similares, igualmente máis propios doutras especies (do xénero Tringa, por exemplo). No ámbito da ornitoloxía especializada tamén se formulou pega mariña para H. ostralegus (apuntábase na primeira guía de aves de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, no ano 1980), que despois se recolleu nalgún dicionario (como no Dicionário da língua galega da editorial Sotelo Blanco, do ano 1995, ou no Diccionario de sinónimos da lingua galega da editorial Galaxia, do ano 1997). Alén diso, no antedito Dicionário da editorial Sotelo Blanco tamén se recolle ostraceiro como nome galego para H. ostralegus, probabelmente tomándoo do portugués.

Das dúas denominacións máis frecuentes para designar este paxaro na costa galega, lampareiro e gavita, a máis empregada en publicacións e recollida tamén nos dicionarios é gavita. Sen dúbida debeu influír que esta se escolleu para H. ostralegus nas propostas que procuraban a estandarización específica dos nomes galegos das aves (véxase a precisión ornitolóxica 1, a nº 141 d’Un idioma preciso) e que despois se divulgou en publicacións ornitolóxicas. Esta precisión ornitolóxica, porén, quere expor os pros e contras dunha e doutra denominación, achegando unha reflexión que levaría na nosa opinión a preferirmos mellor lampareiro que gavita, pensando na súa estandarización no ámbito da ornitoloxía especializada.

O nome lampareiro, de igual modo que a maioría das denominacións que apuntabamos ao comezo da precisión, fai referencia a que se alimenta de moluscos (neste caso lámparos ou lamparóns ou lapas, nomes que reciben en diferentes localidades galegas as especies do xénero Patella). O nome gavita, segundo M. C. Ríos Panisse (Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II Mamíferos, aves y algas, 1983) derivaría do latín gavia, gaivota. Ríos Panisse recolleu daquela tamén os nomes garavita e lampareiro, con identificación dubidosa, aínda que o primeiro inclúeo xunto con gavita na epígrafe Haematopus ostralegus e o segundo, que inclúe no apéndice final, aparece referido a un paxaro mariño que se alimenta de lapas (moi probabelmente H. ostralegus). No blogue Nomes de plantas e animais apúntase que gabita debe ser de orixe onomatopeica (nun artigo intitulado gabitas e lampareiros).

Na nosa opinión, a designación de H. ostralegus como gavita ou garavita ben puido orixinarse por un cruzamento ou confusión (frecuentes, como mencionamos anteriormente por exemplo a respecto de pilla e bilurico para H. ostralegus), pois eses mesmos nomes son empregados popularmente para as especies do xénero Sterna, cuxo aspecto pode lembrar unha gaivota pequena (e así gavita ou garavita, na súa orixe, poden significar máis propiamente “unha gaivota pequena” ou “que ten parecido coa gaivota”). De feito, X. L. Franco Grande refírese a gavita como ave palmípede parecida á gaivota pero máis pequena (Diccionario galego-castelán,1972); igualmente no Dicionário da língua galega da editorial Sotelo Blanco de 1995, ao referirse tamén nunha segunda acepción a “aves palmípedes da familia dos láridas”. C. D. Romai Cousido (comunicación persoal) rexistrou gavita e garavita como denominacións propias do xénero Sterna na Costa da Morte. No blogue Nomes de plantas e animais anótase tamén (no mesmo devandito artigo) o uso de gabita ou gavita tanto na mariña galega como na portuguesa para os paxaros do xénero Sterna. Nalgunha publicación ornitolóxica, garavita aparece referida ás aves do xénero Chlidonias, con bastante semellanza ao xénero Sterna na plumaxe de inverno (E. Estanislado de la Cigoña, 1989). Outro nome moi semellante, gavina, foi rexistrado por Ríos Panisse para Larus ridibundus, unha gaivota de tamaño notabelmente pequeno etc.

Sexa como for:

  1. Lampareiro designa de maneira totalmente exclusiva este paxaro, Haematopus ostralegus. Gavita non é denominación específica ou exclusiva: tamén designa en galego outras avesmariñas ben diferentes do lampareiro.
     
  2. Lampareiro fai referencia á alimentación de H. ostralegus (lamparóns ou lapas), trazo con que se caracteriza claramente a especie en comparación co nome gavita, para o que non sabemos de certo a súa relación con H. ostralegus: se cadra onomatopeica, se cadra un cruzamento ou confusión con denominacións que son talvez máis propias doutras especies (ou ambas as dúas causas).

Por tanto, a pesar de que gavita ou gabita foi o nome que inicialmente se escolleu no contexto da ornitoloxía especializada de modo específico para Haematopus ostralegus, coa información que temos hoxe, na nosa opinión é máis lóxico e preferíbel escollermos para esta especie a denominación lampareiro, que é exclusiva, ben caracterizadora e inequívoca, alén de estar relacionada coa súa alimentación do mesmo modo que acontece en moitas outras linguas.

  

Novas referencias bibliográficas mencionadas (véxase tamén as xa apuntadas nas precisións anteriores):

FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, E. (1989): Viaxeiras da auga. Aves mariñas e acuáticas de Galicia e Norte de Portugal. Vigo: Xerais.

NOIA CAMPOS, M. C. et al. (1997): Diccionario de sinónimos da lingua galega. Vigo: Galaxia.

 

Silverio Cerradelo

Venres, 25 de febreiro de 2011