Un idioma preciso

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

144. Precisión ornitolóxica 4: Rallus aquaticus e Crex crex

Nesta precisión abordamos a denominación de dúas especies da familia dos ralídeos:

  • Rallus aquaticus (clicar no nome científico para ver a imaxe), que en portugués recibe o nome de frango-d’água; en castelán, rascón e –antigamente– rascón de agua; e en catalán, rascló.
  • Crex crex (clicar no nome científico para ver a imaxe), que en portugués recibe o nome de codornizão; en castelán, guión de codornices ou rey de codornices e –noutrora–  rascón de tierra; e en catalán, guatlla maresa.

Falamos das dúas especies a un tempo na mesma precisión porque os vellos nomes casteláns rascón de agua e rascón de tierra formaban un sistema de nomenclatura que motivou que en galego estes paxaros recibisen igualmente os nomes de *rascón de auga e *rascón de terra. Alén diso, en galego tamén se propuxo para Crex crex o nome *guión de paspallás (calcado igualmente do castelán, guión de codornices). O feito de adoptar en galego os nomes casteláns, como imos ver, foi porque se pensou que en galego non había nome para Rallus aquaticus (a especie menos rara; o avistamento Crex crex é hoxe algo excepcional en toda a Península Ibérica). 

O nome español de Rallus aquaticus vén do nome catalán para esta especie, rascló que ten orixe onomatopeica (este paxaro emite voces que poden lembrar algo que rasca ou raspa, como imos ver despois con máis detemento); foi traducido para o castelán como rascón. A partir de rascón, popularmente e de modo particular no contexto da caza, en castelán creouse un sistema de nomenclatura que relacionaba Rallus aquaticus con Crex crex aludindo aos seus hábitats: rascón de agua para Rallus aquaticus (vive onde hai vexetación acuática densa, nas lagoas, beiras dos ríos ou canais da rega) e rascón de tierra para Crex crex (aínda que non se parece moito ao anterior, é da mesma familia e vive onde hai prados ou cultivos). Por outro lado a denominación castelá guión de codornices, tamén para o Crex crex, xurdiu da crenza popular de que a chegada desta ave precedía a chegada do paspallás ou codorniz (Coturnix coturnix). O nome portugués codornizão (codornizón) e o catalán guatlla maresa (paspallás ou codorniz do mar) tamén relacionan Crex crex con estoutra especie, o paspallás, pola súa semellanza.

Na nosa lingua, a primeira referencia que coñecemos onde se considera o termo *rascón como propiamente galego aludindo a un paxaro é a de M. Valladares Núñez no Diccionario gallego-castellano (1884), onde estabelece a correspondencia entre *rascón d’auga coas denominacións castelás ralo e rascón de agua, que describe e identifica como Rallus aquaticus. De aquí en diante, xa no século XX, varios dicionarios apuntan *rascón de auga e *rascón de terra como denominacións galegas para as castelás rascón de agua e rascón de tierra. Por último, J. S. Crespo Pozo na Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego (1985) dá como voces galegas para as castelás rascón de agua e rascón de tierra, respectivamente, *rañón d’auga e *rañón de terra, que son reformulacións –así non as recolleu o autor vivas na lingua oral nin noutras fontes– que parecen reflectir a consciencia de Crespo de que *rascón era un nome castelán para estes paxaros e que era preciso “galeguizalo máis”. Canto a *guión de paspallás como nome galego, a primeira referencia que coñecemos recóllese no Diccionario galego-castelán de X. L. Franco Grande (a edición de 1972, a segunda, foi a máis vella á que tivemos acceso).

Seguramente o feito de os nomes casteláns rascón de agua, rascón de tierra e guión de codornices seren coñecidos e usados polos cazadores debeu facilitar a súa difusión e a súa entrada na lingua galega. Nos propios dicionarios aparecen comentarios que relacionan estes nomes co seu valor cinexético: M. Valladares Núñez apuntaba a respecto de *rascón d’auga que su carne es muy apreciada, ou, por exemplo, E. Rodríguez González no Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961) indicaba, de modo similar a Valladares, que su carne es delicada y sabrosa.

Xa máis recentemente, outro factor que sen dúbida debeu influír na incorporación destes nomes á nosa lingua foi que *rascón de auga e *rascón de terra asumíronse como denominacións galegas para estas dúas especies nas propostas que procuraban a estandarización específica dos nomes galegos das aves (véxase a precisión ornitolóxica 1, a nº 141 d’Un idioma preciso) e que despois se divulgaron en publicacións ornitolóxicas. Con todo, si que se cuestionou no ámbito da ornitoloxía especializada a galeguidade destas dúas denominacións. Así, en Nomes galegos para as aves ibéricas: unha nova proposta (1991) T. A. Vidal Figueroa e M. A. Conde Teira formulaban as denominacións galiñola bicuda para Rallus aquaticus e galiñola de terra para Crex crex (formando un sistema de nomenclatura con outras especies da familia dos ralídeos) conscientes de que *rascón  era un nome castelán. Porén, en Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (1999) M. A. Conde Teira propuxo novamente o nome *rascón para Rallus aquaticus e *guión de paspallás para Crex crex, probabelmente porque aparecían aquí e acolá nos dicionarios e *rascón tamén era un nome xa usado na ornitoloxía galega.

Como apuntabamos ao comezo, o que levou á adopción dos nomes casteláns foi que se pensou que non había un nome galego para Rallus aquaticus, de modo que se calcou o sistema de nomenclatura castelán para estes dous paxaros que usaba o nome xenérico *rascón. O obxectivo desta precisión, en primeiro lugar, é salientarmos que si que existen denominacións propiamente galegas para Rallus aquaticus. En concreto, Aníbal Otero Álvarez rexistrou os nomes furamatos e zurrasca especificamente para R. aquaticus na Guarda. Se cadra a existencia destes nomes pasou desapercibida para a ornitoloxía galega porque quedaron recollidos nos Cuadernos de Estudios Gallegos, unha publicación non demasiado coñecida, onde o lingüista A. Otero Álvarez foi autor da sección Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués entre os anos 1949 e 1974. Hoxe podemos acceder a esta publicación ben facilmente a través do buscador en liña do proxecto Diccionario de dicionarios e, escribíndomos furamatos ou zurrasca, ler o que A. Otero Álvarez exactamente fixo constar.

É importante destacarmos que nun traballo tan exhaustivo como Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II Mamíferos, aves y algas (1983), M. C. Ríos Panisse nunca atopou ninguén que lle chamase *rascón a este paxaro (só atopou rascón como nome galego dalgúns peixes) e porén xa apunta os nomes furamatos e zurrasca para R. aquaticus, mencionando o lingüista A. Otero Álvarez. Posteriormente, fura-matos (escrito así, con guión) e zurrasca recolléronse no Dicionário Sotelo Blanco da língua galega (1995).

Canto á motivación destes dous nomes, furamatos pode aludir aos hábitos deste paxaro, que se mete por entre a vexetación densa, canizos ou vimeiras, aparentemente impenetrábeis. A denominación zurrasca é aínda máis boa caracterizadora e totalmente inequívoca. Segundo A. Otero, derivaría de "rascar". No fondo ese "rascar" ten unha orixe onomatopeica xa que, paralelamente ao nome rascón castelán e ao nome rascló catalán, o nome galego zurrasca reflicte –aínda máis fielmente– a voz da ave, que dá a impresión de que alguén está a rascar cunha concha de vieira nunha pedra: un chío como "chur-r-r" ou "cuir-r-r", e despois ladaíñas de secos e moi breves "cuic" ou "quic", repetidos pero rareados, deixando pasar medio segundo ou un segundo entre un "quic" e o seguinte. Por tanto, non parece nada lóxico que tendo como temos un nome tan propiamente galego e inequívoco como zurrasca para esta especie debamos empregar *rascón ou *rascón de auga, que son castelanismos.

Aproveitando a proposta desta precisión de desbotarmos o nome xenérico de *rascón para Rallus aquaticus polo galego zurrasca, desfacendo deste modo o sistema de nomenclatura binomial que relacionaba a antedita especie con C. crex, e seguindo as orientacións terminolóxicas da propia Real Academia Galega, que aconsella recorrer ao portugués como referente cando non houber en galego denominación vernácula, para estoutro paxaro en concreto sería preferíbel tomarmos o nome portugués e adaptalo ao galego: codornizón (tanto codorniz como paspallás son nomes galegos para Coturnix coturnix, especie que, como xa indicamos, se relacionou popularmente con Crex crex). Lembremos que na ornitoloxía galega xa se adoptaron nomes procedentes do portugués, como calcamar ou virapedras, que se axustan perfectamente á morfoloxía e á semantica galegas, e que tamén no galego normativo estándar se teñen incorporado empréstitos do portugués, como andar, altofalante ou vírgula, para fixar un léxico culto galego ou como recurso para o acrecentamento lexical (véxase a precisión ornitolóxica 3). Por outro lado, a terminación -ón (de codornizón) non é nada rara nas denominacións galegas dos paxaros: está presente como sufixo diminutivo (perdigón, ou perdigoto, o poliño da perdiz), como sufixo aumentativo (gaivotón, Larus marinus) ou sen actuar propiamente como sufixo (sisón, Tetrax tetrax).

Concluíndomos, a nosa opinión e proposta a respecto das denominacións galegas para Rallus aquaticus e Crex crex é a seguinte:

  • Preferibelmente antes que *rascón ou *rascón de auga para Rallus aquaticus non debería ofrecer ningunha dúbida a escolla de zurrasca, nome xenuinamente galego, ben xeitoso e inequívoco para esta especie, rexistrado na Guarda por A. Otero Álvarez.
  • Desbotado o uso de *rascón para Rallus aquaticus, antes que *rascón de terra para Crex crex (a denominación que usa con máis frecuencia en galego) ou *guión de paspallás, sería ben mellor codornizón, tomado do portugués e adaptado ao galego, que se relaciona igualmente coas denominacións castelá e catalá mais mantendo a proximidade co portugués.

 

Novas referencias bibliográficas mencionadas (véxase tamén as xa apuntadas nas precisións anteriores):

CRESPO POZO, J. S. (1985): Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego. Ediciós do Castro, A Coruña.

OTERO ÁLVAREZ, A. (1974): quot;Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués", Cuadernos de Estudios Gallegos XXV/75, pp. 70-88.

VALLADARES NUÑEZ, M. (1884): Diccionario gallego-castellano. Seminario Conciliar, Santiago de Compostela.

 

Silverio Cerradelo

Venres, 11 de febreiro de 2011