Un idioma preciso

185. Precisamos o inglés para compartir vehículos?

Mércores, 20 de setembro de 2017

184. Argalleiros que melloran o mundo

Venres, 30 de xuño de 2017

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Xoves, 08 de xuño de 2017

180. Plantas que ruben, animais que gatean

Xoves, 07 de maio de 2015

179. As razóns da "ratio"

Venres, 27 de febreiro de 2015

178. Depreciación e desvalorización

Mércores, 28 de xaneiro de 2015

177. "Islamita" ou "islamista"?

Venres, 09 de xaneiro de 2015

176. Onde hai patrón...

Martes, 14 de outubro de 2014

175. Gañarémoslle o pulso ao "selfie"?

Mércores, 02 de xullo de 2014

174. Abellóns por control remoto

Mércores, 18 de xuño de 2014

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Martes, 27 de maio de 2014

171. Cócteles de enerxías: "energy mix"

Luns, 24 de marzo de 2014

170. A RAG falla con "fallo".

Venres, 07 de marzo de 2014

168. E Border de que enfermou?

Mércores, 22 de xaneiro de 2014

167. Xogando a converterse en gamos?

Luns, 16 de decembro de 2013

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Venres, 15 de novembro de 2013

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Martes, 29 de outubro de 2013

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Mércores, 26 de xuño de 2013

162. Conformámonos co "achantamento"?

Venres, 31 de maio de 2013

160. Feixes que forman faxinas.

Martes, 02 de abril de 2013

159. Obstáculos para o atletismo

Luns, 11 de marzo de 2013

157. Caudais que non levan auga.

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Mércores, 14 de decembro de 2011

151. Montes e moreas na memoria dun ordenador

Luns, 19 de setembro de 2011

148. Un "xacemento" en movemento

Mércores, 11 de maio de 2011

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Mércores, 12 de xaneiro de 2011

138. Ordenadores en tabletas

Luns, 31 de maio de 2010

137. Se quito grosor, estou regrosando?

Luns, 15 de marzo de 2010

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Venres, 29 de xaneiro de 2010

132. Trialogando entre tres

Venres, 27 de novembro de 2009

131. Unha planta mediática... por canto tempo?

Martes, 10 de novembro de 2009

130. Ofertas e demandas elásticas

Venres, 16 de outubro de 2009

143. Precisión ornitolóxica 3: Oxyura

Nesta precisión imos abordar a denominación galega de dúas anátidas do xénero Oxyura:

  • Oxyura leucocephala, que en portugués recibe o nome pato-de-rabo-alçado; en castelán, malvasía ou malvasía cabeciblanca; en catalán, ànec capblanc; e en inglés, White-headed Duck.

  • Oxyura jamaicensis, que en portugués recibe o nome pato-de-rabo-alçado-americano; en castelán, malvasía canela; e en inglés, Ruddy Duck.

Son dúas especies semellantes, como ben se pode catar nas fotografías logo de clicar nos nomes científicos. Oxyura leucocephala é un pato propio do sur de Europa, aínda que escaso (está tamén presente na metade sur da Península Ibérica). Oxyura jamaicensis é un pato orixinario da America do Norte, soltado ou escapado en Inglaterra, ao punto de contar hoxe con poboacións salvaxes reprodutoras en toda a Gran Bretaña (tamén na Europa continental). Dado que estas anátidas non están presentes normalmente nas augas galegas (se non me equivoco, non se ten avistado nunca até hoxe Oxyura leucocephala, a especie propiamente europea, e si que hai algún rexistro de Oxyura jamaicensis, a especie orixinaria de América), non existen na nosa lingua nomes vernáculos para elas.

O motivo que levou a escribir a presente precisión é que recentemente, no ámbito da ornitoloxía especializada, se está a asignar como nome xenérico galego para estes patos o nome castelán *malvasía. Así aparece por primeira vez no ano 1999 no artigo de M. Conde Teira Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (un traballo xa referenciado na precisión ornitolóxica 1) e posteriormente na Lista de las aves de España elaborada pola Sociedad Española de Ornitología (2005), que tamén recolle os nomes galegos do antedito artigo, apuntando como denominacións galegas para Oxyura leucocephala e Oxyura jamaicensis respectivamente, *malvasía e *malvasía americana. A proposta desta precisión é tomar os nomes do portugués e empregarmos pato de rabo alzado para Oxyura leucocephala e pato de rabo alzado americano para Oxyura jamaicensis, e non incorporar as denominacións castelás ao galego para nomear estes patos.

Curiosamente, en galego existe a palabra malvasía para designarmos especificamente unha cepa de videira orixinaria da Grecia (o nome deriva da cidade grega Monembasía), e tamén para nos referirmos a esa clase de uva e ao viño que se fai con ela. Porén, tal como apuntabamos, non existiu nunca en galego *malvasía como denominación para as aves de que falamos nesta precisión (podemos procurar nunha chea de vocabularios e dicionarios galegos dos séculos XIX e XX a través do proxecto Dicionario de dicionarios). Tampouco en Cataluña, onde son moi coñecidas as cepas gregas, se usa o nome da uva para designar estes patos (en catalán ao Oxyura leucocephala chámaselle ànec capblanc; ao Oxyura jamaicensis, ànec de Jamaica). En español, que é a única lingua do mundo que ten este nome tan particular para designar os patos do xénero Oxyura, non está moi claro como é que aparece esta denominación. J. Corominas e J. A. Pascual (1981) suxiren que algunha asociación debeu haber entre o nome da cidade grega ou das famosas cepas de videiras co nome castelán destes patos, mais non se sabe exactamente cal foi. Pato de rabo alzado, por outro lado, si que ten unha clara motivación (a característica posición vertical do rabo das anátidas do xénero Oxyura) e axústase perfectamente ao xeito galego de denominarmos a realidade.

O feito de recorrer á lusofonía non é nada novo, quer para fixarmos un léxico galego culto quer como recurso para o acrecentamento lexical. Así, temos no galego estándar palabras tomadas do portugués como altofalante, andar ou vírgula, e tamén no ámbito da ornitoloxía nomes como virapedras para Arenaria interpres, que alude ao hábito de andar remexendo nas coias da praia á procura de alimento, ou calcamar para Pelagodroma marina, que voa amodiño a rentes da superficie do mar, parándose, de maneira que dá a impresión de que vai calcando cos pés sobre as augas. A adopción do nome virapedras do brasileiro foi proposto por M. Conde e T. Vidal no relatorio Nomes galegos para as aves ibéricas: unha nova proposta no ano 1991, referenciado xa na primeira precisión ornitolóxica; a adopción do nome calcamar do portugués madeirense (arquipélago onde a especie é moi coñecida), no devandito artigo de 1999 de M. Conde.

Coido que o máis importante desta precisión é reflexionarmos un pouco sobre por que é lóxico e recomendábel  recorrermos antes ao portugués que a outras linguas, nomeadamente antes que ao castelán; e neste caso en concreto, por que pato de rabo alzado si e *malvasía non? Para aquelas persoas con formada consciencia lingüística isto é escusado comentalo, porén eu penso que a propósito da escolla entre estes dous nomes non está de máis falarmos un pouco da asimilación lingüística. A asimilación lingüística é un fenómeno que se presenta como un proceso sempre que hai dúas linguas en contacto, cando unha delas está asociada ao prestixio e ao maior uso nos contextos públicos (ensino, relixión, medios de comunicación etc., que no noso caso sería o castelán) e a outra está infravalorada ou desprestixiada (tamén chamada lingua minorizada, que no noso caso sería o galego). Esta situación xera o dito fenómeno ou proceso que, pouco e pouco, leva a que a lingua minorizada se pareza cada vez máis á lingua de prestixio: adóptase o vocabulario e tamén as fórmulas para construír as frases, mesmo vaise perdendo a fonética propia da lingua minorizada porque incorpora a fonética da lingua de prestixio. En parte, actúan vellos prexuízos (as palabras da lingua de prestixio son mellores ou máis elegantes); en parte, pesa a onmipresenza da lingua asociada ao poder (está por todos os lados; as palabras e as construcións da lingua de prestixio son máis familiares e coñecidas que as palabras e construcións propias da lingua minorizada, que acaban resultando estrañas ou que mesmo se van esquecendo); en parte, tamén, axudan as dificultades dos posíbeis usuarios da lingua minorizada para atinxiren unha boa competencia lingüística nesta lingua. Non se trata de querelle mal ao castelán. Trátase simplemente de que este fenómeno é así, existe este proceso que leva á lentra máis progresiva converxencia do galego co castelán; un proceso obxectivamente estudado pola lingüística e que se dá infalibelmente en todo o mundo sempre que hai dúas linguas en contacto nesa situación (entre o francés e o bretón, entre o inglés e o galés, entre o inglés ou o español e calquera lingua indíxena conforme vai habendo máis indíxenas “bilingües” etc.). Se non se adoptaren medidas, as consecuencias deste proceso son moi graves, non só porque en cada nova xeración a lingua minorizada é cada vez menos pura ou xenuína, mais tamén por afectar a consciencia dos falantes sobre que é o que están a falar e a relación que manteñen con esta lingua.

De modo que se somos un pouco conscientes da gravidade que representa a subordinación do galego ao español para denominarmos realidades novas ou sen tradición léxicográfica previa na nosa lingua, volvendo ao caso dos patos do xénero Oxyura de que falamos, deberiamos ser tamén conscientes de que non é un bo criterio lingüístico asumirmos o nome castelán destas anátidas como se fose galego. Aínda para máis, non esquezamos que o español é a únia lingua que lles chama malvasía e que non se  coñece a motivación do nome castelán destes patos. Por tanto, coido que é lóxica a consideración de *malvasía como un evidente castelanismo que se acaba de incorporar á lingua galega para designar as especies do xénero Oxyura, e que pato de rabo alzado para Oxyura leucocephala e pato de rabo alzado americano para Oxyura jamaicensis, son denominacións moito máis recomendábeis, máis próximas á maneira galega de designarmos a realidade, e ben claras e ben xeitosas por certo.

 

Novas referencias bibliográficas (véxase tamén as xa apuntadas nas precisións anteriores):

COROMINAS, J.; PASCUAL, J. A. (1981): Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico. Gredos, Madrid.

VV.AA. (2005): Lista de las aves de España. Sociedad Española de Ornitología, Madrid.

 

Silverio Cerradelo

Mércores, 12 de xaneiro de 2011