Arriba e Abaixo

Arriba e abaixo


Venres, 16 de xuño de 2017

icono de ARRIBA

Se a lingua galega ten un lugar na USC tamén se debe á actitude asertiva de mulleres e homes que nalgún momento decidiron, ás veces en condicións aínda duras e mesmo sufrindo discriminacións, usaren e promoveren o galego no seu traballo na Universidade: docencia, investigación, tarefas administrativas ou de servizo, estudos ou actividades extra-académica. Recoñecerlles ese mérito, especialmente ás persoas que abriron camiño ás que viñeron detrás é o obxectivo do Premio “Luis Porteiro Garea” que promove a USC. Gabámonos das moitas persoas merecedoras de tal honra na USC, afortunadamente. O xurado non debería telo doado!


icono de ABAIXO

Unha asociación extra-universitaria trasladoulle á Valedora do Pobo as queixas de alumnos universitarios que se senten discriminados polas axudas á realización das teses en galego. Trátase dunha medida de discriminación positiva para contribuír a corrixir a desigualdade tan grande que aínda existe entre galego e castelán na universidade: desde moitas menos posibilidades de recibir clases en galego ata a discriminación que sofre o profesorado que investiga na nosa lingua. Iso por non falarmos das dificultades sociais, económicas e laborais que sofre no seu día a día unha persoa galegofalante. Curiosamente non hai queixas polos estímulos máis discretos pero moi efectivos ao uso do inglés e que tamén supoñen unha discriminación....


Luns, 08 de maio de 2017

icono de ARRIBA

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) establece para o sector da mocidade toda unha serie de actuacións destinadas a estimular as actitudes favorables e superar prexuízos, presións e inercias; fomentar a creatividade de base en galego e garantir unha oferta ampla, variada e atraente de produtos en galego destinada ao público xuvenil. O seu cumprimento trece anos máis tarde é ínfimo. Aínda estamos a tempo, pero hai que bulir!


icono de ABAIXO

A mocidade galega non ten unha mala actitude xeral cara ao galego, mais segue cargada de prexuízos que pexan o seu uso e as posibilidades de comprometérense coa súa transmisión.  Tales son as conclusións do informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia (2017). Ou se actúa planificadamente cara a este sector social para asegurar o uso e a autoestima por parte das mozas e mozos galegofalantes e para incrementar o uso do galego e o seu aprecio entre os bilingües e os castelánfalantes, ou o futuro do noso idioma vai resultar cada ano máis delicado.


Venres, 10 de marzo de 2017

icono de ARRIBA

Dende 1999 podes galeguizar non só o teu nome, senón tamén os teus apelidos. A Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes, establece: "O encargado do Rexistro, por petición do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecue á gramática e fonética da lingua española correspondente". Ademais, a Real Academia Galega publicou hai un par de meses Os apelidos en galego, que lles achega á cidadanía e aos rexistros civís un elenco de formas estandarizadas para os apelidos, o que facilita exercer este dereito.


icono de ABAIXO

Aínda que a lexislación vixente nos outorga o dereito a galeguizar os apelidos e aínda que temosos instrumentos técnicos para apoialo, o Rexistro Civil de Corcubión ponlle pexas a unha persoa cuxa vontade é galeguizar o apelido Rey como Rei, tal e como establece a Academia Galega, argumentando que “non é unha adecuación ortográfica para adecualo á gramática da lingua galega senón un cambio de apelido" pois considera que Rey pertence “ao acervo nacional”. Dende cando un rexistro civil pode puntualizarlle á Academia Galega e negarse a cumprir a lei?


Martes, 07 de febreiro de 2017

icono de ARRIBA

Febreiro vaise convertendo paseniñamente no mes de Rosalía de Castro, nada un 24 de febreiro. A AELG convidanos a que o vindeiro 24 de febreiro agasallemos cun libro en galego e unha flor, así como á organización de lecturas públicas da súa obra, mannequin challenge co lema #RosalíaTe, máscaras de Rosalía de Castro para os máis pequenos, ou mocións para que os concellos do país declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. A asociación PuntoGal celebra este mes o 180 aniversario da poetisa máis querida das letras galegas cun desconto nos dominios .gal. Rosalía de Castro será o nome con que a partir de agora se coñeza o aeroporto de Santiago de Compostela e o Boeing 737-800 da compañía Norwegian levará a imaxe da escritora galega no temón de cola, dándoa a coñecer por todo o mundo. Rosalía é mundial!






icono de ABAIXO

Os usos lingüísticos na USC pouco mudaron nestes 14 anos en que temos datos. E non van mudar a prol do galego a non ser que se actúe en serio. O orzamento de política lingüística na USC reduciuse un 61% desde 2008. O último plan de normalización da USC remataba en 2010: vai para sete anos que estamos sen planificación. Á vista dos datos e tendo en conta as dinámicas no seo do PDI, semella evidente centrar os esforzos na área de Ciencias da Saúde e Ciencias, e no novo persoal. 
Porén, un dos cambios evidentes produciuse en Dereito onde se avanzou dende o 8,67% de uso do galego en 2008-09 ao 18,24% en 2016-17: igual ten algo que ver co plan Témoslle lei. Cómpre dotármonos dun novo plan, ter vontade política e contar cos recursos axeitados.


Mércores, 14 de decembro de 2016

icono de ARRIBA

"Os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia". Iso di o artigo 15.1 da Lei de normalización lingüística de Galicia. Os estudantes teñen dereito a presentaren traballos, a realizaren os exames ou a dirixírense ao profesorado en galego. E ninguén, nin estudantes nin docentes, ten a obriga de cambiar de lingua  por problemas de comprensión oral ou escrita dos demais nas actividades académicas. E o Plan de Normalización Lingüística da USC proponse como obxectivo xeral “Propiciar que o galego sexa a lingua normal de comunicación, expresión e traballo da comunidade universitaria”.



 


icono de ABAIXO

A Lei de normalización lingüística xa ten 33 anos. O Plan de normalización lingüística da USC é do ano 2003. Porén, seguen producíndose situacións que contraveñen a lei e os dereitos lingüísticos e que non responden en absoluto aos plans da Universidade. Ningún alumno ou alumna debería repetir un traballo e traducilo porque o docente alega non entender unha das linguas oficiais da USC. E estase a producir. Ningún profesor ou profesora debería cambiar a lingua das súas explicacións ou materiais de clase porque haxa estudantes que alegan non entender unha das linguas oficiais da USC. E estase a producir. A USC debe atallar estas situacións de indefensión e promover o coñecemento e o respecto aos dereitos lingüísticos.


Martes, 08 de novembro de 2016

icono de ARRIBA

A transmisión familiar é vital para a saúde dun idioma. De aí a importancia de propostas como o Apego, cuxo obxectivo é"aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos". Para logralo, as familias reciben cadansúa caixa con información e recursos en galego e, periodicamente, información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Impulsado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), milleiros de familias de 23 concellos incorporan o galego á crianza das súas fillas e fillos.


icono de ABAIXO

Boa falta fan iniciativas como o Apego no noso país. Segundo o último número da Revista Galega de Educación, só a un de cada tres nenos e nenas lle trasmiten o galego as súas familias. O dato empeora nos usos lingüísticos cos amigos: oito de cada dez nenos e nenas fala cos seus amigos en castelán, que deveu na lingua socializadora por antonomasia, o cal quere dicir que probablemente vai seguir desprazando ao galego en Galicia. Lembremos que o uso do galego caeu 13 puntos en só 10 anos.



 


Mércores, 21 de setembro de 2016

icono de ARRIBA

O marco legal sobre a lingua que se desenvolveu nos anos 80 (Estatuto, Lei de normalización...), malia todas as súas carencias, fixaba unha posición favorable para o galego baseado en tres piares: ser o galego a lingua propia de Galicia, a obriga dos poderes públicos de promover o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns, e o dereito dos cidadáns a usaren a lingua da súa preferencia (e mesmo a esixiren, cando non teñan obriga de coñecer o galego, que as comunicacións se lle fagan en castelán).


icono de ABAIXO

Anulacións parciais de regulamentos de usos lingüísticos, discriminacións en Madrid, na propia Xunta ou no Sergas, ou presupoñer a esixencia de comunicacións en castelán só por utilizar ese idioma un cidadán, cando o seu dereito a esixir comunicacións en castelán xa estaba “blindado”, son actuacións dos poderes públicos nos últimos tempos que non semellan a mellor maneira de cumprir cunha lexislación que, lembremos, busca promover o uso do galego para protexelo e recuperalo.

 


Mércores, 01 de xuño de 2016

icono de ARRIBA

iFala é unha iniciativa divertida que espallará por vilas e cidades galegas o legado das Irmandades da Fala, unha serie de colectivos que agromaron hai cen anos por todo o país a prol da dignificación do idioma e a renovación cultural galega con toda a modernidade. "A Irmandade propagará por todos os medios o emprego do noso idioma". O 28 de maio de 1916, fixo agora cen anos, tiña lugar a xuntanza fundacional da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. O seu presidente, Luís Porteiro Garea, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia. Beizóns para Porteiro Garea, que foi profesor de Dereito desta Universidade.


icono de ABAIXO

A Xunta de Galicia emprega no correo corporativo o dominio .gal desde o pasado 17 de maio. Avanza así no plan a dous anos de adopción do .gal como dominio de referencia da súa presenza na Rede, cuxo obxectivo é que en 2017 todos os portais corporativos e todos os enderezos de correo corporativo, incluídos os de educación e sanidade (un total de 22.000) utilicen só o puntogal. E na USC seguimos a velas vir... Dous anos máis tarde da activación do dominio galego, na que foi pioneira, nin se converteu no dominio por defecto, nin se utiliza nos enderezos de correo electrónico, nin se publicita na imaxe gráfica... e por suposto, tampouco contribúe a difundir o dominio .gal incorporando un banner para dalo a coñecer.


Mércores, 27 de abril de 2016

icono de ARRIBA

Tres universidades catalás (Pompeu Fabra, Autónoma de Barcelona e Politécnica de Cataluña)  lideran o ránking de rendemento elaborado pola Fundación BBVA. Algunhas das súas titulacións figuran entre as cincuenta mellores titulacións do mundo (como Arquitectura e Construción Ambiental da UPC). A Universidade de Barcelona é a novena universidade europea en número de estudantes Erasmus recibidos, segundo os datos da Comisión Europea. A media de uso do catalán na docencia das sete universidades catalás é do 76,5%. Non semella que o uso da lingua propia sexa unha pexa para estaren entre as mellores, o éxito debe depender doutras cousas. Parabéns.


 


icono de ABAIXO

O Regulamento de uso do galego na USC é claro: “Art. 7.2. As revistas non científicas, as memorias, as guías de estudantes, os carteis, a información sobre cursos, congresos, simposios, conferencias, os avisos, as convocatorias e, en xeral, as publicacións que a USC faga, tanto internamente como en medios de difusión externos, redactaranse en galego, excepto as destinadas especificamente á promoción exterior”. “Art. 7.3. A publicidade de todo tipo que emita a USC realizarase en galego, agás a que for destinada especificamente á promoción exterior”. E estes mandatos non só afectan á innumerable cartelaría que emite a USC, os seus departamentos e institutos para publicitar cursos, congresos, mestrados, etc. senón a calquera actividade que se publicite a través das redes sociais da USC. Estanse a producir numerosos casos de incumprimentos desta norma da propia USC.


Mércores, 09 de marzo de 2016

icono de ARRIBA

Un luxo para a lingua! A colección "Clásicos do Pensamento Universal", coeditada pola USC e a Fundación BBVA, medra con catro novos volumes que verten á nosa lingua as achegas que no seu tempo fixeron Charles Sanders Pierce, Baruch Spinoza, John Maynard Keynes e Rachel Carson nos ámbitos da semiótica, a ética, a economía e o ambientalismo. Con estas traducións de  Manuel Outeiriño, José Carracedo Fraga e Manuel E. Vázquez Buján, Jaime Barreiro e Juan Casares Long, xa son 25 os títulos que arrequentan a nosa lingua con grandes obras do pensamento de todos os eidos.


icono de ABAIXO

A Ordenanza de uso do galego do Concello de Lugo que acaba de ser anulada parcialmente por unha sentenza do TSXG é practicamente idéntica a moitas outras normativas de concellos e universidades galegas, catalás e vascas que levan varias décadas aprobadas, abeiradas nas leis de normalización lingüística e nos estatutos de autonomía de principios dos anos 80 do pasado século, as que oficializan o galego, o catalán e o vasco segundo a Constitución. Desmóntase o marco xurídico das linguas en España?
 


Martes, 09 de febreiro de 2016

icono de ARRIBA

O novo Plan de financiamento universitario do SUG para 2016-2020 inclúe entre os obxectivos estratéxicos que se incentivarán como parte do financiamento por resultados, a impartición dun mínimo do 50% das materias dun grao en galego, ao cal o goberno galego poderá dedicar ata un millón de euros en 2016. Trátase dun incentivo moi importante. As tres universidades galegas teñen a responsabilidade de planificar e executar propostas operativas serias, rigorosas e eficientes. A Xunta de Galicia, de xestionar, avaliar e sufragar coa máxima transparencia e xustiza esas propostas, de xeito que se avance na utilización da lingua galega na docencia universitaria.


icono de ABAIXO

En 2002 o Claustro aprobaba o Plan de Normalización Lingüística da USC, que tivo vixencia ata 2010. Nel indicábase expresamente que “o proceso de normalización da Universidade de Santiago de Compostela debe contar como peza chave cun incremento significativo e progresivo no uso do galego nas tarefas propias do PDI”. Os usos lingüísticos na USC pouco mudaron nestes 14 anos. Non só cómpre elaborar e aprobar plans (por certo, hai seis anos que estamos sen ningún). Tamén cómpre vontade política de implementalos en serio e con medios axeitados. Que Dereito pasase dun 8,67% de uso do galego en 2008-09 ao 17% en 2015-16 igual ten algo que ver con Témoslle lei.


Venres, 18 de decembro de 2015

icono de ARRIBA

A Mesa reedita os "Dez pasos para revitalizarmos o galego", un decálogo de actuacións baseado nun texto de Tilbert D. Stegmann con modificacións e adaptacións á realidade do noso idioma. Trátase dunha serie de consellos que son útiles para aquelas persoas que desexan incorporar o galego en maior medida á súa vida cotiá. Os dez pasos pódense ver mediante un cartaz descargable ou a través dun vídeo.
 


icono de ABAIXO

O 25 de xullo de 2014 a USC foi unha das 34 institucións pioneiras en activar o dominio .gal, a marca da lingua e a cultura galegas en Internet. A piques de rematar 2015, ningunha outra iniciativa pula por lle dar maior visibilidade a este escaparate dixital para a nosa universidade. Simplemente, podemos acceder a calquera sitio da web universitaria a través de www.usc.gal. Mais nin se converteu no dominio por defecto, nin se utiliza nos enderezos de correo electrónico, nin se publicita na imaxe gráfica... e por suposto, tampouco contribúe a difundir o dominio .gal incorporando un banner para dar a coñecer o novo dominio. 


Mércores, 28 de outubro de 2015

icono de ARRIBA

A Universidade Pública de Navarra oferta o 20% da docencia en euskera. O número de materias ofertadas nesta lingua é 250, polo que leva aumentado un 10% nos dous últimos cursos  e os dous graos de maxisterio poden cursarse integramente en vasco. En Navarra só a zona central e norte son vascófonas e menos do 10% da poboación ten o euskera como lingua materna, polo que cómpre cualificar de excelente a súa evolución na UPN como lingua docente. Lembremos que en Galicia máis da metade da poboación aprendeu a falar en galego e que o uso do galego na docencia da USC é do 22%.


icono de ABAIXO

Nos últimos meses dous casos de vulneración dos dereitos lingüísticos das persoas saltaron á luz pública: o da traballadora dun espazo infantil ao que lle prohibiron usar o galego expresamente e mediante unha circular nas actividades do centro e o dunha nena dun campamento hípico que sufriu desprezos e humillacións por parte das monitoras por falar galego. Son casos extremos que transparentan a situación de fondo máis xeral: un grave descoñecemento dos dereitos lingüísticos e mais a persistencia de prexuízos lingüísticos e de condutas derivadas. Tomen nota todas as autoridades con responsabilidade. Tamén na USC.


Venres, 27 de febreiro de 2015

icono de ARRIBA

O Goberno galego realizou un chamamento á unidade e á busca do consenso de todas as forzas políticas e da sociedade en xeral tras a manifestación de Queremos Galego o pasado día 8 de febreiro en Santiago de Compostela. Tamén avanzou que adoptará medidas positivas en todos os ámbitos (social, socioeconómico, tecnolóxico...) para impulsar o uso da lingua galega na sociedade. Tamén chamou á coherencia en relación ao idioma todos os días do ano.

 


icono de ABAIXO

Os medios reciben da Xunta en castelán nove veces máis cartos cós medios en galego: 1,67 millóns por un 6% dos seus contidos na nosa lingua fronte aos 182 mil euros para os diarios integramente en galego. Se cadra, para recuperar o consenso e a unidade, era ben ir adoptando medidas que demostrasen coherencia co que se anuncia. Esixirlles aos medios que se benefician de axudas públicas o uso do galego en maior grao e aumentar as axudas aos que o utilizan integramente sería un bo sinal.


Xoves, 30 de outubro de 2014

icono de ARRIBA

Malia ser unha lingua moi diferente, malia partir con datos de coñecemento e uso moi desfavorables, o eusquera vai en ascenso. Na actualidade, un 37 por cento dos habitantes de Euskal Herria afirman coñecer e poder usar a lingua do seu país, o que significa unha suba de máis de 25 puntos nas últimas tres décadas. Este ano o seu orzamento en política lingüística será de 45,6 millóns de euros. En Galicia, o uso do galego caeu 13 puntos en só 10 anos e o esforzo para revitalizalo recortouse nun 70% desde 2009.
 


icono de ABAIXO

Segundo o presidente da Xunta, que as nenas e nenos galegos falen tan pouco o noso idioma é culpa das familias. E razón, en parte, non lle falta, xa que hai moitas familias que foron perdendo o galego en xeracións anteriores e os seus fillos, ben raro sería que saísen falando de seu a lingua de Rosalía. Pero tamén hai moitas nas que o galego é lingua de uso habitual, que ven, sorprendidas, como as súas crianzas non o falan en absoluto. Será, logo, culpa dos pequenos? As familias e a sociedade en xeral teñen moito que rañar sobre a situación do noso idioma, pero, se cadra, as institucións, tamén por non faceren do galego unha lingua atractiva para incorporala ao acervo que lle transmitir ás fillas e fillos.










 


Luns, 22 de setembro de 2014

icono de ARRIBA

Xa se sabía que os bebés que medran nun medio bilingüe teñen máis vantaxes lingüísticas; agora sábese que aprenden máis rápido, que afecta favorablemente ás capacidades cognitivas, pois os obriga a exercitar unha ximnasia mental permanente que mejora el sistema de control ejecutivo del cerebro. Ollo! Cando se fala dunha contorna bilingüe non cómpre pensar só no binomio castelán-inglés: o descubrimento afecta a todas as linguas, tamén a calquera par que inclúa o galego.


icono de ABAIXO

Segundo unha enquisa dunha empresa formativa en inglés, un 86% dos pais e nais españois dálle maior importancia a que as fillas e fillos aprendan inglés que ás matemáticas, lingua ou coñecemento do medio. A crise económica e o desemprego provocan que o gusto (e mesmo a conveniencia de) aprender outros idiomas inverta absurdamente as prioridades formativas, entre as cales aprender ben o idioma propio e/ou as linguas ambientais é o piar fundamental para poder desenvolver outras capacidades e adquirir novos coñecementos.


Xoves, 03 de abril de 2014

icono de ARRIBA

Dende agora xa podemos beber máis refrescos etiquetados en galego, ademais de Galicola, grazas á empresa pontevedresa Mondariz, que lanza unha gama de refrescos saudables, elaborados con auga de Mondariz e sen azucres, etiquetándoa no idioma do país. Faino "para reforzar a nosa orixe galega, ademais de en castelán e en inglés”, unha empresa que ten 140 anos de experiencia. E coa cantidade de viños e licores que xa temos etiquetados en galego, podemos facer unhas deliciosas mesturas!


icono de ABAIXO

A coñecida como Lei Wert blinda a educación en castelán en todas as comunidades, pero non protexe do mesmo xeito o resto de linguas cooficiais do Estado. O proxecto de Real Decreto de desenvolvemento da LOMCE establece que cando os pais queiran que os seus fillos estuden en galego (ou en calquera outra lingua cooficial) e non teñan oferta pública, o Estado non lles pagará o colexio privado que si pagará no caso de que o idioma elixido sexa o castelán.
 


Venres, 21 de febreiro de 2014

icono de ARRIBA

A comunidade de tradución do sistema operativo Ubuntu para o galego conseguiu situar a lingua galega no número 2 da clasificación internacional de localización, só por detrás do inglés e por diante do castelán e o ucraíno. É a primeira vez que o galego se sitúa neste posto en porcentaxe traducida do dito software (agora do 100%). Grazas e parabéns a todos os imprescindíbeis que contribúen altruistamente a ter un sistema operativo libre e en galego.


 


icono de ABAIXO

Iglesia, carretera, dios, escoba... pulpo. Son moitas as palabras castelás que se nos coan a cotío nas conversas no canto das verbas de noso igrexa, rúa, estrada, deus, vasoira... polbo. É unha das características habituais dos procesos de substitución lingüística: O cambio de lingua provoca múltiples influencias léxicas, fonolóxicas e gramaticais tanto na lingua A (en Galicia, a variante é coñecida como castrapo) como na B, que é o caso. E sobre semellante caso vai pronunciarse a Real Academia Galega a pedimento do Concello do Carballiño, que pretende sancionar como normativa a súa Festa do Pulpo.


Luns, 02 de decembro de 2013

icono de ARRIBA

O termo inmersión lingüística semella que é bo cando se refire ao inglés. A Consellería de Educación destinará 300.000 euros para inmersión lingüística en inglés durante unha semana no poboado que Gas Natural Fenosa posúe nos Peares, tarefa da que se encargará a empresa estadounidense Vaughan. Da medida beneficiarase o 0,25%, de estudantes de primaria e ESO (500 dun total de 200.000 alumnos).

 


icono de ABAIXO

O orzamento destinado pola Xunta ao fomento da lingua galega segue diminuíndo. En 2014, máis dun 5% con respecto ao de 2013. Dende 2009, os fondos para normalización lingüística diminuíron un 67%, así como o peso relativo: se en 1993 o orzamento para política lingüística representaba o 0,43% do orzamento da Xunta (17,2 millóns), en 2014 só o 0,06% do orzamento total (5,4 millóns).

 


Xoves, 10 de outubro de 2013

icono de ARRIBA

O profesor da Universidade de Vigo Alberto Pena defende nun estudo a eficacia comercial de falarlle á clientela na lingua que esta sabe súa, sexa quen de falala ou non. O éxito de empresas como R, Gadis, Adegas Martín Códax e outras débese, por suposto, aos seus produtos e servizos, pero o feito de usaren as especificidades culturais do país, entre elas a lingua, no ámbito comercial fainas máis competitivas mesmo a nivel internacional.


icono de ABAIXO

En Nova Galicia Banco deben descoñecer o estudo sobre o potencial do galego no ámbito comercial. Na entidade bancaria estanse a perder os avances conseguidos en relación co uso do galego e coa garantía de atención na nosa lingua, incumprindo os compromisos que adquiriran coa súa clientela. Hoxe, que é propiedade do Estado, xa é case imposible asinar un contrato en galego e nalgunha oficinas a reforma da cartelaría interna e sinaléctica serviu para eliminar a nosa lingua.


Mércores, 12 de xuño de 2013

icono de ARRIBA

As iniciativas de carácter non gobernamental son as que máis pulan polo galego, tamén nos medios de comunicación. Once medios na nosa lingua (Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos e a Nova Peneira) forman a "Asociación de Medios en Galego", cos obxectivos de garantir a súa sustentabilidade económica e garantir así a pervivencia da lingua nos medios.


icono de ABAIXO

Segundo o Consello de Contas, dos 15 millóns de euros que se inxectaron aos medios de comunicación en 2010, só o 11% foron asignados mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, as que se a Xunta de Galicia utiliza para, entre outros obxectivos, promocionar o uso do galego na prensa. Pois ben, na convocatoria competitiva de 2013 o criterio do uso do galego volve perder peso fronte ao de número de exemplares vendidos, por segunda vez dende 2009.


Luns, 13 de maio de 2013

icono de ARRIBA

Ábrenselle cancelas ao galego... O dominio .gal para a lingua e a cultura galegas, cuxa candidatura ao ICANN presenta a Asociación PuntoGal, podería aprobarse no verán, de xeito que a finais do presente ano ou comezos do ano que vén podería ser realidade o desexado dominio galego de primeiro nivel. Que tal usc.gal para 2014?
 


icono de ABAIXO

Pecharánselle cancelas ao galego? Gas Natural Fenosa decidiu eliminar a atención ao cliente da comercializadora Unión Fenosa Comercial, que se presta dende Galicia, trasladando os seus clientes a Gas Natural Servicios. Deste xeito os galegos e galegas "deixarán de ter a posibilidade de seren atendidos en galego". Mala nova para a lingua e para o emprego!
 


Luns, 08 de abril de 2013

icono de ARRIBA

Dúas boas novas nunha: podemos xogar ao popular xogo Apalabrados para dispositivos móbiles (iOS e Android) na nosa lingua, e a versión galega foi desenvolvida por unha empresa da incubadora da USC, Cilenis, dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística.


icono de ABAIXO

Pola contra, a sinaléctica dalgúns dos novos centros singulares de investigación da USC, xoias de Campus Vida, preséntase só en inglés, contravindo a normativa da USC e atentando contra os dereitos da maioría dos seus usuarios e usuarias.


Luns, 04 de marzo de 2013

icono de ARRIBA

O modelo de inmersión lingüística vixente en Cataluña foi avalado xuridicamente unha vez máis, desta volta polo Tribunal Supremo. E no País Vasco converteuse no modelo maioritario. O modelo non só garante o coñecemento da lingua propia de cada comunidade senón que, ademais, responde satisfactoriamente nas avaliacións de PISA: os rapaces e rapazas do modelo de inmersión teñen os mesmos ou mellores resultados en canto a competencias lingüísticas que no resto das comunidades autónomas españolas.


icono de ABAIXO

O incentivo por utilizar o galego na docencia e na investigación que se lle ofrece ao profesorado universitario  vai ser recortado este ano. A rebaixa no financiamento universitario afectará aos complementos autonómicos que premian a excelencia docente e investigadora do PDI, e un dos criterios que abranguen é, precisamente, a galeguización do seu traballo. Xusto nun momento en que semella que estamos en retroceso nos usos lingüísticos docentes na USC.


Martes, 08 de xaneiro de 2013

icono de ARRIBA

Podemos usar Firefox,Open Office, Gnome, Ubuntu, Facebook ou, proximamente, Twitter en galego grazas ao traballo voluntario de pouco máis de 100 persoas en Galicia, que se encargan de traducir e actualizar versións. O galego ocupa o posto 37 en termos cualitativos entre as 285 linguas que contan cun espazo de seu na Wikipedia (en galego, Galipedia) cos seus máis de 94.000 artigos grazas a máis de 300 persoas voluntarias.


icono de ABAIXO

Os galegos e galegas destinamos o pasado ano case 2 millóns de euros de axudas aos medios de comunicación galegos privados. O emprego regular do galego é un criterio de reparto das subvencións que representa o 30% do total. Malia que as axudas se repiten ano tras ano, os resultados son desoladores. Abran, senón, calquera páxina dos xornais máis subvencionados...

 


Mércores, 31 de outubro de 2012

icono de ARRIBA

O mundo das novas tecnoloxías non deixa de fornecerlle alegrías á lingua galega e ás persoas que o usan acotío. Sexa grazas á iniciativa pública, como é o caso de bUSCatermos, á privada, que aposta por desenvolver aplicacións en/para o galego, sexa á participación cidadá, que axunta o seu traballo de xeito colectivo, o certo é que contamos cunha ampla oferta de produtos de todo tipo na nosa lingua. Difúndeos e úsaos!


icono de ABAIXO

O Consello de Europa indícalle á Xunta que debe tomar medidas para que a introdución do modelo trilingüe obrigatorio que divide as horas de clase entre o castelán, o galego e o inglés, non afecte desproporcionadamente á educación en galego, e ademais lémbranlle que os compromisos asinados da Carta europea das linguas obrigan a ofertar “educación enteira ou esencialmente en galego para aqueles alumnos cuxos pais así o desexen”.


Venres, 29 de xuño de 2012

icono de ARRIBA

Afortunadamente o mundo da xustiza vai galeguizándose paseniñamente. A Irmandade Xurídica Galega acaba de incorporar 42 novos membros ou 'irmandiños' entre avogados, funcionarios, xuíces, fiscais ou profesores universitarios. E o maxistrado Luís Villares Naveira, o policía Gonzalo Amoedo e o Dicionario Xurídico Galego son recoñecidos co premio Lois Peña Novo pola súa contribución ao proceso de normalización da lingua galega.


icono de ABAIXO

Pola contra, en pleno 2012 segue habendo profesionais do Dereito que semellan descoñecer o carácter oficial do galego. Un xulgado de Vigo rexeita unha demanda por estar escrita en galego, require a súa tradución e que a seguinte documentación se presente en castelán e, por riba, suspende o prazo do procedemento. Ignorancia? Moita. Desprezo á lingua galega e, sobranceiramente, ás persoas que o falan? Infinito. É de xustiza?


Venres, 01 de xuño de 2012

icono de ARRIBA

O Pedrón de Ouro, que se lle entrega á personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis destacou na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou nunha traxectoria vital, recoñeceu neste 2012 o labor de Nova Escola Galega. Parabéns para este movemento de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galicia!


icono de ABAIXO

Podemos usar en galego tanto Facebook como Twenti. Porén, o Twitter está sen galeguizar, malia o empeño de persoas voluntarias. Se cadra, o apoio gobernamental axudaría a que a campaña a prol da localización sexa un éxito. Por certo, a nosa lingua, Galician, sitúase no posto 22 de entre as máis utilizadas en Twitter e a única das que aparece que non é lingua oficial de estado ningún. Xa sabes, #TwitterEnGalegoXA ou #QueremosTwitterEnGalego.


Xoves, 03 de maio de 2012

icono de ARRIBA

E por terceiro mes consecutivo, gabámonos dun novo proxecto xornalístico en galego, Sermos Galiza, un novo medio que responde "ás necesidades dunha Galiza que se afirma e que precisa asentar un espazo de comunicación propio mediante unha iniciativa social, aberta, plural e colectiva". Dende O Cartafol Dixital desexámolle longa vida a Sermos Galiza!


icono de ABAIXO

Por vez primeira en trece anos, o Correlingua, no que han participar uns 45000 estudantes de toda Galicia, non vai contar co apoio dalgúns concellos, como Santiago ou A Coruña. Á escusa dos recortes orzamentarios únese as críticas a un manifesto elaborado por rapaces e rapazas de 4º da ESO de Pontecesures e que remata cun inocente "Se feliz: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS".


Venres, 02 de marzo de 2012

icono de ARRIBA

Botou a andar Dioivo, un novo medio «para contar e contrariar. Con independencia. E en galego, of course.» É o segundo en nacer, dunha serie de proxectos xornalísticos que verán a luz durante este ano que andamos. Dende O Cartafol Dixital desexámoslle unha longa vida ao Dioivo!


icono de ABAIXO

A publicidade en galego diminúe na TVG. É á canle pública á que lle corresponde facer pedagoxía, previr inercias, limar prexuízos das empresas anunciantes e das axencias publicitarias. Para iso naceu a TVG: para promover, difundir e impulsar a lingua galega. Cumpra, logo, co seu deber.


Martes, 07 de febreiro de 2012

icono de ARRIBA

Boutou a andar Praza Pública, co obxectivo de recuperar o espazo perdido polas cabeceiras en galego no último ano e medio, e coa intención de contar o mundo desde a óptica galega. É o primeiro en nacer, dunha serie de proxectos xornalísticos que verán a luz durante este ano que andamos. Dende O Cartafol Dixital desexámolle longa vida a Praza Pública!


icono de ABAIXO

O presidente da Mesa e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón retrucou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. Como era aquilo do raposo que coidaba do galiñeiro...?


Luns, 05 de decembro de 2011

icono de ARRIBA

Aumenta un 14% o consumo de medios de comunicación en catalán, especialmente os xornais, que soben un 28,7% en plena crise da prensa escrita. Esta medra coincide coa chegada aos quioscos neste ano do diario Ara e da edición catalá de La Vanguardia, que se suman ás versións en catalán de El Periódico e Segre e ao xornal en catalán El Punt/Avui. Tal abundancia de medios en catalán ten moito que ver cunha política decidida da Generalitat neste senso.


icono de ABAIXO

En Galicia a Xunta négalle as axudas ás radios en galego á única radio que emite integramente na nosa lingua, Radiofusión, e estamos ás portas do inminente peche definitivo de Galicia Hoxe, case ao mesmo tempo que se coñecen as axudas aos medios por parte da Administración autonómica. Mutatis mutandi, a política da Xunta tamén ten moito que ver coa situación dos medios de comunicación en galego...


Luns, 07 de novembro de 2011

icono de ARRIBA

O 4 de novembro máis de 10.000 rapaces e rapazas de toda Galicia participaron nas videoconferencias mantidas con Ángel Carracedo, catedrático de Xenética da USC, e Isabel Fraga Vila, directora do Museo de Historia Natural "Luís Iglesias", tamén da USC, amosando así o seu interese polas aplicacións da Xenética á investigación policial e pola importancia dos bosques. Uníaos unha arela común: defenderen, coa práctica, o seu dereito a desfrutar da ciencia (ou de calquera outra área de coñecemento) en galego.


icono de ABAIXO

Terá algo que ver o silencio informativo que agochou as celebracións do Día da Ciencia en Galego, a participación de máis de 10.000 estudantes de primaria e secundaria nunha actividade común, coa desaparición de medios no noso idioma, coa perda dunha sensibilidade especial cara ás actividades de promoción da nosa lingua e da nosa cultura e o esmagamento na uniformización? Dende O Cartafol saudamos con esperanza o anuncio de novos proxectos informativos galegos e en galego.

 


Venres, 01 de xullo de 2011

icono de ARRIBA

A AGAL creou unha versión para teléfonos móbiles do dicionario electrónico e-Estraviz. O dicionario, que é o primeiro dispoñible na nosa lingua para este tipo de dispositivos, permite procurar na rede até 126.319 entradas e máis de medio millón de definicións, tanto en ortografía oficial como en norma reintegrada.


icono de ABAIXO

Xa non temos ningún xornal impreso en galego. No último ano pecharon A Peneira, A Nosa Terra e agora Galicia Hoxe. Á crise dos medios impresos súmanse os recortes de axuda institucional. O artigo 19 da Lei de normalización lingüística establece que o Goberno galego debe prestar apoio económico e material aos medios de comunicación que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo. Canto máis aos que o empregaban de xeito exclusivo, e non como simple anécdota!


Martes, 03 de maio de 2011

icono de ARRIBA

No curso 1990-1991 creáronse nos centros de ensino os Equipos de Normalización Lingüística, maioritariamente agrupados hoxe na Coordinadora de ENDL. Van alá 20 anos de traballo rigoroso e entusiasta a prol da dinamización dos centros educativos e da promoción do idioma galego tanto nos centros como na sociedade. Parabéns!
 


icono de ABAIXO

A Consellería de Educación optou por consultar a Real Academia Española, en troques de a Real Academia Galega, porque precisaba "unha resposta áxil e rápida con garantía de obxectividade sen orixinar suspicacias" para establecer os criterios sobre a orde alfabética dos apelidos no proceso de admisión do alumnado en centros de ensino públicos. Unha cuestión especialmente delicada, seica, para a que cumpría a iluminación central, porque a local igual suscitaba suspicacias...


Venres, 01 de abril de 2011

icono de ARRIBA

Presentáronse 11 unidades didácticas de Dereito, pero xa son 60 os títulos de todas as áreas de coñecemento que leva publicado a USC na súa colección «UD-Unidades didácticas». Pódense consultar, descargar... Os alumnos, para estudaren a súa materia; e tamén poden pasar a formar parte das recomendacións bibliográficas doutros docentes da mesma materia ou doutras materias. Os nosos parabéns aos seus autores e autoras.


icono de ABAIXO

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística a edición en galego caeu o ano pasado un 21,6%. Trátase dun baixón notable, sobre todo se temos en conta que a edición en castelán, que comparte coa galega o mesmo escenario de crise, aumenta algo máis dun catro por cento. Durante o ano 2010 editáronse en galego 2.778 títulos, fronte aos 3.180 do ano 2010. O descenso dáse tamén na edición en catalán e éuscaro, aínda que non dun xeito tan brusco como na nosa lingua.


Luns, 28 de febreiro de 2011

icono de ARRIBA

O 21 de febreiro celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna:  É un valor engadido, unha marca que nos singulariza e dá prestixio, que nos sitúa no mundo como colectividade que ten algo máis e distinto para ofrecer. Polo mesmo, é tamén unha responsabilidade que os galegos debemos asumir: é a nosa obriga contribuír co galego ao patrimonio cultural da humanidade. Convida o galego!


 


icono de ABAIXO

Unha muller galega nova cospe nun programa de tv todos os prexuízos habituais contra a lingua galega: é bruta, non se fala, os seus falantes son paletos ou nacionalistas... Non se percibe unha especial animadversión, non dixo que fora un problema ou un filete duro que tes que comer aínda que non queiras. É simplemente o que pensa. Ela e moitas outras persoas. Algo estamos a facer mal...
 


Martes, 01 de febreiro de 2011

icono de ARRIBA

Afortunadamente, temos unha das denominadas ciencias exactas, a física, para lle dar máis valor ás achegas da Sociolingüística. E un equipo de investigación da USC formado polos profesores Jorge Mira e Anxo Paredes, tras perfeccionar o modelo matemático que en 2005 lle puña data á morte do galego en 2100, asegura que é posible a súa supervivencia.


icono de ABAIXO

Claro que a receita que cómpre aplicar segundo a física non é moi diferente á que xa coñeciamos pola sociolingüística: mellorar o estatus social do galego, que segundo os datos históricos mane­xados polos científicos no seu estudo, vén a ser tres veces inferior ao do castelán. A poñer en marcha medidas para mellorar a consideración social do galego con coherecia, é ao que debería dedicarse todo órgano con algunha responsabilidade en política lingüística en Galicia.


Venres, 03 de decembro de 2010

icono de ARRIBA

Novacaixagalicia escriturouse en galego «como xesto de respecto, arraigamento e compromiso non só con Galicia senón tamén coa súa lingua e a súa cultura». Oxalá que a nova caixa avance polo camiño xa encetado: máis posibilidades de comunicarse e operar en galego, máis iniciativas para a difusión da lingua do país, máis uso para a publicidade comercial.


icono de ABAIXO

Semella incrible que o alumnado dun centro universitario teña a percepción de que ao seu profesorado non lle gusta que utilicen o galego; semella incrible que o PDI dun centro universitario teña a percepción de ser peor avaliado nas enquisas de satisfacción do alumnado por usar o galego na docencia. É triste que estudantes ou profesores/as deixen de usar unha lingua por sentírense diferentes ou presionados.


Martes, 02 de novembro de 2010

icono de ARRIBA

Menos mal que se abren novas posibilidades para o galego, como dúas edicións de escolmas da literatura galega en versión bilingüe inglés-galego, a promoción do noso idioma en universidades doutros países, ou a deliciosa interpretación que nos chega de «A saia da Carolina» (en galego) por un grupo de nenos e nenas da escola "María Soliña" de Orixa, na India!


icono de ABAIXO

Malia que o 40% dos pais e nais das cidades optaron polo ensino infantil en galego, pouco máis do 10% dos centros garanten esa posibilidade. Para que na UNED remataran os problemas á hora de presentar unha tese de doutoramento en galego, cumpriu unha proposición non de lei. E descubrimos con abraio que un libro de texto de música en Galicia pode incluír unha canción titulada «La falda de Carolina».


Luns, 31 de maio de 2010

icono de ARRIBA

Oito investigadores galegos/as demostran coa súa práctica e o seu testemuño persoal que a lingua galega é tan apropiada coma calquera outra para impartir docencia, investigar e divulgar ciencia e tecnoloxía. Foron oito e podían, abofé, ser máis. Grazas a cantos demostran día a día esta evidencia!


icono de ABAIXO

Tamén os seus testemuños demostran outra evidencia: a imposición do inglés en determinados niveis científicos (publicacións, relacións de investigación...), como antes  o facían o latín, o francés, o alemán... É boa esa imposición para o mundo? É boa para a propia lingua inglesa? Non se debería formular alternativas?


Venres, 30 de abril de 2010

icono de ARRIBA

Bo é que todos os candidatos e candidatas a reitor/a teñan nos seus programas electorais sequera unha liña sobre fomento e uso da lingua galega na USC, así como apelos á internacionalización e á utilización doutras linguas non oficiais na docencia.
 


icono de ABAIXO

Por que as políticas de fomento do uso das linguas na docencia se asumen ben -polo menos teoricamente- se se trata do inglés? Por que  no caso do galego, lingua oficial e propia desta universidade, sería unha imposición? Por que non se fala de fomentar tamén o coñecemento e uso doutras linguas próximas?
 


Martes, 23 de marzo de 2010

icono de ARRIBA

O alumnado da USC conta con competencias abondas en lingua galega e en xeral ben predisposto a recibir docencia neste idioma. Mesmo unha alumna como Alejandra pensa que na súa titulación, cun 25% de horas na nosa lingua, esta “non é nin moito menos maioritaria”. Temos, logo, moita potencialidade para ampliar espazos para o galego na docencia, en especial se contamos co incremento que se produciu neste curso que andamos.


icono de ABAIXO

As actividades adoitan considerarse como unha posibilidade de acumular puntos, horas, créditos... Sen desprezar para nada o incentivo, os obradoiros para o PDI e as diversas actividades para estudantes que organizan as comisións de normalización dos centros serven para  mellorar as competencias e as habilidades lingüísticas de PDI e alumnado, as súas actitudes e tamén para desenvolver produtos útiles: unidades didácticas, presentacións dixitais, aplicacións en galego...
 


Venres, 26 de febreiro de 2010

icono de ARRIBA

A lingua galega ocupa un espazo, pequeno mais consolidado, no conxunto das teses de doutoramento que se defenden na USC. É moi salientable, xa que se trata dun traballo que coroa moitos anos de esforzo, que valora un tribunal do que adoitan formar parte doutores/as de fóra de Galicia, e que serve en moitos casos de punto de partida para posteriores publicacións cuxa avaliación pode verse pexada.


icono de ABAIXO

A USC lanzou en 1994 un programa de axudas para fomentar o uso do galego nas teses de doutoramento, compensando discretamente as ditas pexas cun incentivo económico. Porén as autoridades universitarias galegas deberían reclamar perante as instancias oportunas a valoración axeitada da calidade da produción científica da actividade investigadora, para evitar calquera discriminación lingüística.


Venres, 29 de xaneiro de 2010

icono de ARRIBA

Que nun contexto lingüistico tan conflitivo como o actual en Galicia o uso do galego na docencia na USC medre 7 puntos, é para felicitarse. Parabéns, logo, a todos os profesores e profesoras da USC que fixeron posible este salto co seu esforzo!


icono de ABAIXO

Os contextos conflitivos por cuestións lingüísticas non poden explicar nin xustificar os excesos contra as persoas que libremente actúan ou opinan segundo a súa conciencia e ideoloxía. As linguas son material sensible, mais as persoas sono moito máis.


Venres, 18 de decembro de 2009

icono de ARRIBA

A Oficina de Software Libre da USC foi merecedora dun premio Eganet polo seu traballo a prol da promoción e implantación do software libre na comunidade universitaria. Nós, ademais, dariámosllelo pola súa achega a prol do galego nas aplicacións de SL na Universidade.


icono de ABAIXO

O presidente da Xunta asegura que o "novo decreto do galego" se dará a coñecer antes do nadal, fronte aos rumores que apuntaban a que sería durante as vacacións navideñas. Había quen pensaba que a data de presentación sería o 28 de decembro...


Mércores, 25 de novembro de 2009

icono de ARRIBA

O Tribunal Supremo confirma unha sentenza previa do TS de Xustiza de Galicia. Argumenta que a Constitución non dá dereito aos pais a escolleren a lingua do ensino, e que a discriminación sería que, a pedimento dos proxenitores, se poida cursar estudos nunha soa das linguas oficiais en Galicia.
 


icono de ABAIXO

“Perigo para as menores pola inmersión lingüística en Galicia” ou “sistema escolar en lingua galega, idioma que, fóra daquela comunidade autónoma, non ten outra utilidade práctica”. Son os argumentos que un xuíz de Alcorcón esgrime para ameazar unha nai galega con retirarlle a custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón a Vigo.


Venres, 30 de outubro de 2009

icono de ARRIBA

Fai 25 anos a USC estreou unha nova faciana oficial. Os cargos académicos aprenderon a expresarse publicamente en galego, os documentos oficiais incorporárono por vez primeira na historia grazas ao esforzo e á audacia de moitos universitarios e universitarias daquela.


icono de ABAIXO

Hoxe a USC usa o galego con normalidade, aínda que non de xeito harmónico entre as súas actividades ou centros. Nalgúns sectores cómpre aínda un pulo tan importante como o de hai 25 anos para arrincar coa galeguización institucional. Damos o paso?